Reunidos en Santiago de Compostela os responsables de accións de cooperación ó desenvolvemento das sete grandes cidades de Galicia que mais abaixo se relacionan, e os integrantes da Comisión Executiva do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
Previa constatación do importante incremento da representatividade do Fondo Galego que agrupa a preto de sesenta entidades de toda Galicia e abarca a máis do oitenta por cento da poboación.
Preocupados pola necesidade de obter o máximo rendemento dos recursos que o conxunto das Corporacións locais e provinciais galegas destinan á cooperación ó desenvolvemento e decididos a impulsar aquelas prácticas que posibiliten unha maior coordinación das nosas políticas neste eido.
Compartindo coas ONGs e o conxunto da sociedade galega esa aspiración común á mellora da cualidade da cooperación e convencidos de que a cooperación co exterior debe comezar aquí, entre nós mesmos.
Firmemente decididos a reforzar o Fondo Galego como mecanismo homoxeneizador que importa consolidar como referencia do compromiso municipalista co mundo da cooperación internacional, sen por iso renunciar ó exercicio das competencias propias de cada entidade coa intensidade que cada quen libremente decida, en especial no ámbito da sensibilización.
ACORDAN
- Contribuír en maior medida ó financiamento de proxectos concretos de cooperación ó desenvolvemento avalados polo Fondo Galego mediante a progresiva transferencia ao mesmo da partida presupostaria que cada un dos nosos Concellos destina a este concepto, contemplando no seu caso un período de transición que permita a subsistencia e o acoplamento daqueles compromisos e convenios subscritos con terceiros no marco de actuacións locais.
- Pronunciarse pola progresiva consolidación dunha convocatoria municipalista única de axudas a ONGs para o financiamento de proxectos de cooperación, que se xestionaría a través do Fondo Galego.
- Contribuír ao reforzamento da capacidade de análise e avaliación do Fondo Galego mediante a integración dun representante de cada unha das cidades asinantes na Ponencia Técnica do Fondo Galego encargada de emitir os informes sobre a idoneidade dos proxectos.
- Facer un chamamento aos demáis Concellos e Deputacións de Galicia para sumarse ao presente acordo e seguir avanzando na definición dun modelo de cooperación coherente coa identidade e características da acción propiamente municipalista.
En proba de conformidade, asinamos a presente, a 5 de marzo de 2001.
Asinan:
A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol, Santiago de Compostela e Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.