A ONGD Implicadas e o Fondo Galego promoven a participación política das mulleres na India

A ONGD Implicadas e o Fondo Galego promoven a participación política das mulleres na India

A ONGD Implicadas e o Fondo Galego promoven a participación política das mulleres na India 997 663 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade


Promover a emancipación social e a participación política das mulleres é o obxectivo do proxecto que Implicadas no Desenvolvemento está a impulsar nos suburbios da cidade india de Tiruchy co apoio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A asociación de Concellos e Deputacións cofinancia con 6.730 euros esta iniciativa que busca empoderar a 1.500 mulleres desfavorecidas e que está a ser implementada pola ONG local People's Development Initiatives (PDI).

A través de actividades coma teatro de rúa ou sesións de sensibilización en materia de xénero, preténdese reducir as barreiras que dificultan a participación social das donas e promover un entorno equitativo onde se poñan en cuestión os estereotipos e roles sexistas. Ao tempo, prepárase ás mulleres para que creen as súas propias empresas e gañen independencia, amais de formalas para activar a súa intervención política. A primeira capacitación impartiuse a comezos deste ano cun curso sobre tecido de alfombras a partir de roupa vella.

As actuacións canalízanse a través dos grupos de aforro e microcrédito que Implicadas e PDI impulsan na zona desde hai cinco anos dentro do seu Programa para o Empoderamento das Mulleres, insistindo na necesidade de traballar contra a discriminación de xénero como primeiro paso cara o desenvolvemento. Nestes grupos de axuda mutua, as donas van xuntando os seus aforros para conceder préstamos ás integrantes, nunhas condicións que se deciden de xeito asembleario. A maiores, reciben formación e apoio nos seus problemas cotiás, co que van gañando autonomía e autoestima.

A abogada J. Sudha interviu na apertura do 'Módulo para a emancipación social e participación política das mulleres'.A progresiva toma de decisións desemboca nunha interacción co goberno local para solicitar melloras na comunidade. O proxecto actual failles tomar conciencia ademais da posibilidade de elixir quen as representa e mesmo de seren elixidas. A poboación feminina supón unha porcentaxe moi baixa entre os órganos de goberno na India, polo que gañar peso resulta decisivo para que diminúan as desigualdades e se teñan en conta os problemas que lle afectan, entre eles a violencia de xénero, o analfabetismo, os matrimonios concertados ou o infanticidio.

O proxecto apoiado polo Fondo Galego, de doce meses de duración, deu inicio en novembro de 2012, cunha presentación pública na que participaron representantes de PDI, do goberno local e mulleres clave no movemento feministas da zona. Ademais, nos primeiros meses de andaina realizouse unha formación para o persoal de PDI sobre a emancipación e a participación política das mulleres e impartíronse sesións de sensibilización sobre igualdade de xénero para a mocidade, co propósito de preparar as representacións do teatro de rúa. Organizáronse asemade reunións do persoal de PDI con representantes dos clubs de xénero, -integrados por mozas e mozos que fan voluntariado activo nas súas comunidades, denunciando e tratando de mudar comportamentos violentos cara as mulleres- para planificar as actividades vindeiras.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información