Xosé Mª Torres: “Farmamundi está en contra das patentes nos países en vías de desenvolvemento e é escéptica coa súa utilidade nos países ricos”

Xosé Mª Torres: “Farmamundi está en contra das patentes nos países en vías de desenvolvemento e é escéptica coa súa utilidade nos países ricos”

Xosé Mª Torres: “Farmamundi está en contra das patentes nos países en vías de desenvolvemento e é escéptica coa súa utilidade nos países ricos” 1199 926 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O voceiro de Farmamundi, ONG española que traballa para axudar a poboacións e persoas que precisan medicamentos e demais material sanitario para a súa supervivencia, amosou o apoio de dita entidade á impugnación da patente do Sovaldi para o tratamento da hepatite C, defendeu a implantación dos xenéricos asegurando que son "igualmente eficaces que as marcas" e falou, entre outras cuestións, sobre o labor de Farmacéuticos Mundi na conversa organizada o pasado xoves 26 de febreiro nos perfís de Facebook e Twitter do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

O #EncontroFarmamundi é o primeiro que realiza este ano a entidade municipalista dentro do programa #Alén2015 co propósito de avaliar os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) e coñecer as propostas de diferentes axentes da cooperación e ONGD para a Axenda de Cooperación Post-2015 que se decide este ano. As charlas online de 2014 pódense ver aquí.

Xosé María Torres (Ortigueira, 1958) é licenciado en Farmacia pola USC e especialista en Farmacia Industrial e Galénica. É vogal da Xunta Reitora estatal da ONG Farmacéuticos Mundi (Farmamundi) e voceiro en materia de patentes. Visitou proxectos de cooperación en Perú, Ecuador, Nicaragua e Alxeria (Tinduf). Foi presidente da Coordinadora Galega de ONGD.

Actualmente é farmacéutico comunitario en Ortigueira (A Coruña), mantén o blog farmacia-rsc.blogspot.com e colabora en artigos e charlas sobre ONGD, patentes e acceso a fármacos. Optimista, cre que este mundo non ten arranxo, "pero hai persoas marabillosas que merecen que se loite".

1. Que balance facedes dos ODM dende Farmamundi e que recomendacións suxerides para a Axenda Post-2015, tendo en conta o marco no que se desenvolven os encontros dixitais #Alén2015?

Pregunta difícil! A comunidade internacional aínda se vai reunir en setembro para avaliar os resultados e, como ONG, non temos tanta información como para facer unha análise acaída.

Con todo, por citar a redución da pobreza e da fame, cremos que están moi lonxe de conseguirse os obxectivos, e no caso dalgunhas enfermidades, no ámbito da SIDA, acelerouse o tratamento nestes tres últimos anos. Hai países que teñen unha boa cobertura de antirretrovirais grazas á produción de xenéricos na India. Con todo, hai outros países onde falar de tratamento ou simplemente de diagnosticar o VIH/SIDA aínda é un soño.

2. Cal é a opinión de Farmamundi sobre a petición de Médicos del Mundo de impugnar a patente de Sofosbuvir, uniríanse a dita proposta?

Farmamundi está en contra das patentes nos países en vías de desenvolvemento, e mesmo é escéptico coa utilidade das patentes nos países ricos, sobre todo, cando se producen abusos de posición, como parece ser este caso. Por iso, parécenos interesante e apoiamos esta iniciativa emprendida por Médicos del Mundo, en colaboración coa ONG norteamericana (de Nova Iorque) I-MAK, que foi a mesma que asesorou a varias entidades indias para impugnar esta patente na India, e que foi rexeitada pola oficina de patentes daquel país.

Con todo, cómpre lembrar que non é "a patente" do sofosbuvir (Sovaldi), senón unicamente unha das 250 patentes que hai en torno a este medicamento e nin sequera das máis importantes. Dígoo para poñer no seu sitio esta valente iniciativa presentada ante a Oficina Europea de Patentes de Múnich e para que non se boten as campás ao voo.

3. Que opinades como farmacéuticos da efectividade dos xenéricos fronte aos medicamentos de marca?

A eficacia dos xenéricos é exactamente igual que a dos medicamentos de marca. As únicas diferenzas que se poden percibir, no caso de medicamentos que se administren vía oral, son as de sabor, textura de comprimido ou solución, e pouco máis. Todo o demais ou son fantasías do paciente que as toma (coidado co efecto placebo, que ten influencia) ou opinións interesadas, pero sen base científica.

4. Como un goberno pode negociar a baixada de prezos dun fármaco cunha multinacional? É certo que ese mesmo fármaco costa a metade noutros países?

Os medicamentos teñen en cada país un prezo diferente, normalmente posto pola empresa que os produce e vende, tras unha negociación co goberno (salvo en EEUU onde o prezo é libre, e algo similar ocorre en Inglaterra).

En canto a se o Sovaldi ten un prezo máis baixo, en EEUU costa en torno a 84.000 $ un tratamento de 12 semanas; en Inglaterra, Alemaña e Francia, en torno a 55.000-60.000 €, e en España, ata agora, 25.000 € por paciente e 12 semanas. Unicamente na India o fabricante Gilead concertou con seis fabricantes indios -importantes fábricas de xenéricos- un prezo inferior a 2.000 $, e en Exipto, lugar de nacemento do fundador da empresa que descubriu o fármaco e que ten un 14% de infectados, negociou co goberno un prezo de 700 €.

A negociación coa empresa faise, en cada país, coas armas que teña o goberno: presións, concesións… Non se sabe porque a negociación é secreta.

5. Cal é a principal fonte de recursos de Farmamundi?

Cóllesme sen os datos a man, pero debemos andar polo 60% de financiación pública e 40% de financiación privada. Nesta última, teñen moita importancia os ingresos (que orixinan tamén gastos) do funcionamento da Área Loxística de Farmacéuticos Mundi (Farmamundi), unha distribuidora de medicamentos sen ánimo de lucro que suministra medicamentos xenéricos de calidade a moitas outras ONG españolas, e estranxeiras, sobre todo, francesas e italianas, congregacións relixiosas, administracións públicas españolas e dalgún outro país como Francia.

Esta actividade, que Farmamundi ten como única entidade en España, está centralizada na sede central da organización, en Valencia, onde está un almacén autorizado a tal fin, que realiza todas as exportacións ata destino tras a autorización da Axencia Española de Medicamentos.

6. Como valora o funcionamento dos puntos SIGRE? É certo que esta suposta reciclaxe e reutilización é unha farsa que enmascara unhas prácticas de reciclaxe que pasan por enterrar todos os medicamentos recollidos na planta de reciclaxe da Areosa en Cerceda?

Como valora a implantación dos xenéricos nos sistemas de saúde? Mesmo funcionamento? Esta implantación beneficia a moitos políticos con intereses en farmacéuticas? Cree que esta pode ser a causa desta implantación, máis que o aforro económico para a Sanidade?

O funcionamento das farmacias, que sitúan gratuitamente nos seus locais as caixas de recollida, e das distribuidoras que levan toda a mercancía dos 20.000 puntos SIGRE de toda España tamén gratuitamente, creo que é bo. Tamén considero moi positivo que se evite así que os restos de medicinas non vaian ao lixo doméstico.

En canto ao que suceda cando se procese na planta de Cerceda, iso xa cae directamente na responsabilidade de Farmaindustria, maioritaria en SIGRE. Polo que eu sei, faise separación de plásticos, papeis, materiais metálicos, pero co refugallo final… Descoñezo o que se fai realmente, porque non me creo todo o que anuncia SIGRE.

En canto á implantación de xenéricos, por si mesma non é boa nin é mala, pero se aforra custes ao sistema sanitario que pagamos en España entre todos, pois é moi positiva.

Non creo que os políticos teñan intereses nestas empresas de xenéricos; en todo caso, teríanos nas empresas que venden medicamentos de marca, normalmente multinacionais, con moitas máis posibilidades de lobby e de influír nas administracións públicas.

7. Aumentou moito o voso radio de actuación dende o comezo da crise? É difícil cubrir toda a demanda?

Farmamundi ten varias liñas: proxectos de cooperación, acción humanitaria, area loxística (distribución de medicamentos), sensibilización (Educación para o Desenvolvemento), etc. En calquera delas, a actividade deriva dos recursos. Dado o noso perfil de financiación, con un 40% aproximado de ingresos privados, empezamos a sentir a crise en 2010-2011, seguramente máis tarde que outras ONGD.

Os anos 2012-2013 foron de diminución de recursos, pero xa en 2014 aumentamos algo debido á nosa actuación de subministración de equipos para o ébola e en 2015 agardamos aumentar algo máis, pero son evolucións moderadas, sen subidas ou baixadas máis alá do 25%.

8. Podería explicar que supón ser farmaceútico comunitario?

É a denominación que se lle dá ao boticario de oficina de farmacia. O adxectivo trata de incidir en que o profesional está inmerso nunha comunidade. Como sabes, a oficina de farmacia ten un dobre papel, de empresa (a supervivencia da empresa é o primeiro, especialmente nestes tempos de crise, que viron o peche de farmacias pola baixada das ventas e o angustia das débedas), e tamén un papel de sanitario que, desde unha óptica privada, colabora na saúde pública.

9. En relación ao ébola, cal é a situación actual en países como Liberia e Serra Leoa? Empezan a funcionar as medidas médicas tomadas a nivel interno? Chegaron máis fondos doutros países das Nacións Unidas? Hai algún medicamento que se estea probando? Poñen obstáculos as empresas farmacéuticas polo tema das patentes?

Os fondos das Nacións Unidas non chegan na proporción desexable e o compromiso de España acada niveis de miseria. Dos case 10 millóns de dólares comprometidos, o Goberno de Rajoy apenas destinou un millón, bastante menos dos en torno a tres millóns gastados en España para tratar a dúas persoas (Miguel Pajares e Teresa Romero).

10. Que incidencia tivo a presión mediática para que o Goberno tomara medidas a respecto da hepatite C? Que opinión lle merece o tratamento informativo da crise do ébola?

A presión mediática e, sobre todo, social creo que foi determinante. É vergoñento que o Goberno de Rajoy "se fixera o sueco" durante o 2014 fronte a este problema. Sen dúbida, desde mediados de xaneiro ata hoxe, ademais de de debates na comisión nomeada ad hoc, en realidade o Goberno estivo negociando en secreto coa empresa Gilead, e debeu abaratar o prezo para que Rajoy fixese esa declaración onte (25 de febreiro) no Congreso de que "se atenderá a todos os enfermos". O Goberno estivo, por tanto, gañando tempo.

En canto ao tratamento informativo do ébola, foi coma sempre: atención desmesurada cando afecta a unha persoa que coñecemos, intervención desmesurada do Goberno traendo a unha persoa de África sen ter ningún hospital preparado e gastos sen límite para atender a unha persoa (Miguel Pajares, que terminou morrendo) cando ese mesmo párroco se queixaba de que non se lle enviaban luvas nin batas (!), moito máis económicas. E agora mesmo, o tratamento dos medios… coma sempre: apenas existe, salvo nos medios comprometidos.

11. É o continente africano o laboratorio para as farmacéuticas?

Eu non son partidario de enfoques maniqueos. É certo que as multinacionais farmacéuticas non merecen moitas gabanzas, pero unha acusación habitual é que non poñen no mercado medicamentos que curan, senón medicamentos para mellorar os síntomas das enfermidades (caso da hipertensión, diabetes, etc.). No entanto, no caso do Sovaldi (Sofosbuvir), descubriuse un medicamento que cura, que cura unha enfermidade que afecta a 180 millóns de persoas en todo o mundo. Por tanto, eu non creo que África sexa un lugar de ensaio libre; seguramente se produzan malas prácticas, que debemos denunciar, pero eu non me creo posicións como as de 'O xardineiro fiel' que, como digo, son demasiado maniqueas.

12. Cal é o país ou a farmacéutica máis importante do mundo? Pódese dar a contradición que, neses mesmos países, teñan dificultade para distribuír os medicamentos? É verdade iso que din de que existen medicamentos que curan enfermidades pero non interesa comercializalos por motivos económicos?

O mercado farmacéutico global divídese tradicionalmente en 3 partes: EEUU, con máis do 50% do mercado, Europa, cun 30%, e Xapón, cun 10%; o resto, nos restantes países. Daquela, as empresas máis importantes son Pfizer (o da Viagra, de EEUU), Glaxo (Inglaterra), Novartis (Suíza, tal vez hoxe a de maior facturación), Sanofi (Francia), e logo outras como Bayer, Lilly, etc.

Sobre se existen medicamentos non comercializados por motivos económicos, hai algún, que afectan sobre todo a algunha enfermidade tropical e que, polo tanto, hai escasos pacientes nos países ricos. Neste sentido, hai empresas que facilitan tratamentos de forma gratuíta ou ceden a licenza á ONU ou outras organizacións. Un exemplo é a talidomida, fármaco que causou tremendos efectos teratóxenos (malformacións) en 1961, que se retirou do mercado, pero que a empresa alemá Grünenthal facilítaa á Organización Mundial da Saúde (OMS) para tratar a lepra en homes e mulleres que non estean embarazadas ou en risco de estalo.

13. Tedes relación co corpo militar de Sanidade do Ministerio de Defensa ou con outros departamentos de farmacia relacionados con Defensa, tanto a nivel das vosas accións no exterior como a nivel de doazóns dos seus depósitos de medicamentos?

Que eu saiba non. Temos relación con diversas comunidades autónomas que forman parte ou apoian ao noso Fondo de Emerxencias, e co goberno central, en especial coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), que é quen organiza envíos humanitarios co avión Hércules que ten o Ministerio de Defensa permanentemente en Torrejón. Quitando iso, non coñezo contactos con eses departamentos que citas.

Normalmente os envíos que fai ou subministra Farmamundi, cando chegan a destino non hai militares españois alí. Adoita haber outras ONGD que os están esperando e que deben realizar, con coñecemento local, a saída dos medicamentos das alfándegas, un proceso non sempre fácil e sometido a moitos intereses e presións, pois nos países pobres, os medicamentos son un ben moi prezado.

14. Reciben medicamentos caducados como axuda para tratar aos países sen recursos?

Rotundamente non. Farmamundi, dende o seu nacemento en 1991 ata o ano 2000, utilizou medicamentos devoltos por pacientes e farmacias, pero nunca caducados. No ano 2000, concluímos que esta práctica estaba superada e ademais non era rendible. Afortunadamente, hai fabricantes de xenéricos que permiten comprar 500 comprimidos de paracetamol envasados nun envase pequeno e resistente, con apenas 3 euros; sirva como exemplo.

E ademais, seguimos as normas da OMS para doazóns de medicamentos que esixen enviar produtos cunha validez superior a doce meses. Aínda hai algunha ONG e colectivos desinformados que empregan medicamentos sen utilizar, pero a nosa experiencia permítenos afirmar que é unha práctica moi dubidosa eticamente e non rendible.

15. Por que se permite que as industrias farmacéuticas financien á Axencia Europea do Medicamento (EMA)? Non debería ser una entidade independente? Como se podería regular isto?

Descoñezo exactamente as fontes de financiamento da EMA, con base en Londres. Polo que sei, a Axencia de Alimentos e Medicamentos (FDA) estadounidense si que admite financiamento privado das empresas para acelerar as análises dos seus medicamentos; e sei que ambas (FDA e EMA) cobran taxas.

Iso non debería afectar á súa independencia; hai seguramente outras formas de influír. Ten en conta que o comité de medicamentos de uso humano da EMA está formado por representantes de cada país europeo, e resulta difícil -digo eu- que teñan esta influencia, pero é unha percepción miña.

En todo caso, a independencia creo que é elevada; de feito, as maiores críticas se dirixen a outras relacións gobernos (e OMS), industrias que si merecen críticas como todo o episodio do Tamiflu para combater a gripe A, que foi vergoñento.

16. Gustaríame saber se hai realmente un medicamento que sexa mais ou menos efectivo para frear o avance do Alzheimer?

Non creo que sexa este o lugar axeitado para dar recomendacións de tratamentos… Hai, en todo caso, vasodilatadores periféricos que estimulan a actividade cerebral e preveñen a aparición da enfermidade. E hai no mercado medicamentos para retrasar a evolución, pero a súa eficacia é limitada; en todo caso, o médico de cada un debe facer o tratamento máis axeitado. Na actualidade hai moitas empresas, entre elas a empresa galega Zeltia, que están ensaiando fármacos, pero estamos falando dunha enfermidade aínda pouco coñecida, tremenda desde o punto emotivo e afectivo, pero sen tratamento eficaz, desgraciadamente.

17. Cantos enfermos de hepatite C hai en Galicia?

A infección por VIH ten unha prevalencia, un alcance, perdón polo tecnicismo, en España dun 1%-2%, e en Galicia debe ser similar. Por tanto, deben existir unhas 28.000-56.000 persoas infectadas polo virus da hepatite C, moitas delas sen diagnosticar, pois é unha enfermidade que só se manifesta tras 15, 20 ou 30 anos desde a infección.

18. Fálase do turismo "sanitario" en España. Realmente "somos máis económicos" que no resto da Unión Europea?

A verdade é que o sistema español de Sanidade é un dos máis eficientes, pois gasta en torno ao 8% do Produto Interior Bruto (PIB). De feito, Inglaterra, que puxo en marcha despois da Segunda Guerra Mundial un sistema nacional de saúde do que copiou España, ten hoxe menos eficacia e está peor dotado economicamente.

Con todo, isto é independente do turismo sanitario do que se fala de forma intencionada moitas veces para denigrar aos inmigrantes, e tamén para criticar aos turistas estranxeiros que viven en España. Pero non queda outra, se hai turistas, non podemos queixarnos de que fagan uso do sistema sanitario.

O que hai que facer é reclamarlles despois aos gobernos respectivos o custe da atención sanitaria. E hai que facelo con efectividade e non unicamente queixarse dos inconvenientes.

Para finalizar, inclúo unhas ligazóns:

– Un artigo publicado a principios deste mes no Huffington Post sobre a hepatite C e o tratamento: 'Hepatitis C, Sovaldi y chachachá'.
– Un documento sobre os abusos dunha farmaceútica, neste caso Novartis, atacando á India polo caso da patente dun medicamento, o Glivec.

Sorteo #EncontroFarmamundi

Resultado do sorteo:

  • Revista Tempo Exterior do Igadi.org: David
    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información