Xosé Cuns: “Pódese acabar coa pobreza no mundo con vontade política ou con presión colectiva”

Xosé Cuns: “Pódese acabar coa pobreza no mundo con vontade política ou con presión colectiva”

Xosé Cuns: “Pódese acabar coa pobreza no mundo con vontade política ou con presión colectiva” 1199 860 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O director da Rede Galega Contra a Pobreza (EAPN-Galicia), organización que impulsa novas políticas e prácticas para a defensa dos? dereitos? de persoas en risco de pobreza e exclusión social, visitou as redes sociais do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade o pasado mércores 25 de marzo.

Na conversa online coas usuarias e usuarios analizou, entre outras cuestións, a situación de pobreza do Norte e do Sur cunha diferenza "abismal" entre ambas partes a pesar da crise que sofren os países do Norte. Sinalou algunhas das claves para lograr a pobreza 0, destacando a "vontade política" como fundamental na consecución deste obxectivo e abordou o traballo que está a facer EAPN-Galicia a través da súa campaña 'Concellos ao servizo das persoas'.

O #EncontroPobreza, como se denominou a charla, enmárcase no programa #Alén2015, posto en marcha pola entidade municipalista en 2014 co propósito de avaliar os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) e coñecer as propostas de diferentes axentes da cooperación e ONGD para a axenda de cooperación post 2015 que se definirá este ano.

Xosé Artur Cuns (Santiago de Compostela, 1967) é licenciado en Ciencias Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e especialista en Dirección de Persoal. Foi profesor do Máster de ?Cooperación? Internacional e Xestión de ONGD da USC e responsable de proxectos AECID na Fundación Galicia Innova.

Exerceu como asesor de cooperación internacional ao desenvolvemento na Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia entre 2005 e 2009. Dende o ano 2010 é director de EAPN-Galicia, traballo que combina co blog No me pidan calma de La Voz de Galicia.

1. Que balance facedes dos ODM dende EAPN-Galicia e que recomendacións suxerides para a axenda post 2015, tendo en conta o marco no que se desenvolven os encontros dixitais #Alén2015?

Como EAPN-Galicia non temos opinión específica sobre este tema, pero si a temos no senso de incluír a loita contra a pobreza noutros países e a cooperación internacional como parte das nosas demandas de incidencia política.

É un avance positivo no sector de acción social, aprender que na loita contra a pobreza non hai fronteiras, que as causas políticas e económicas son moi semellantes no Sur e no Norte, como se está a ver moi claramente nesta crise.

Como valoración miña dos ODM creo que foron un avance histórico por fixar unha axenda global contra a pobreza e, mais timidamente, as súas causas. Un primeiro paso para unha imprescindible gobernanza global.

Nos obxectivos post 2015 creo que hai que afondar nos avances xa acadados pero especialmente nos oito ODM, na gobernanza, loita contra a desigualdade, incorporar a loita polo enfoque de xénero e contra a violencia machista ou o desenvolvemento sostible, entendendo que o que se persiga é de obrigado cumprimento no Sur e no Norte (aínda que estes conceptos non sei se seguen supoñendo moito).

Creo que deben ter un enfoque que xa se está tendo pero que aínda é un reto no sector, asumir como parte do noso traballo e da nosa coherencia, a transformación política.

2. Que datos tedes de pobreza en Galicia divididos por sexo? Tedes datos de familias "monomarentais", familias de nais con fillos baixo o umbral da pobreza?

É oportuna a túa pregunta. Os datos que temos son os obtidos do Instituto Galego de Estatística (IGE). A Xunta de Galicia encargou o estudo sobre a situación de pobreza infantil en Galicia (moi ben realizado, por certo, polos seus autores, cos que tivemos varias entrevistas). Mágoa que non o difundiran (e non será por non pedirllo dende EAPN-Galicia, partidos políticos e medios). Si temos as conclusións, entre as que están que en familias monomarentais hai maior taxa de pobreza, especialmente en ámbito urbano.

3. Tedes datos de pobreza en Galicia relacionados coa discapacidade?

Non os temos. É un tema pendente, e sabemos que en bastantes entidades de discapacidade e no propio Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (Cermi) se está a estudar a nivel estatal, pero aínda non a nivel galego. Hai un proceso moi interesante; xa non hai sectores estancos na loita contra a exclusión.

Un 32% da poboación con discapacidade está en risco de pobreza, e as propias entidades están a afrontalo. É un reto en cooperación, onde defendo que o enfoque da discapacidade ten que ter a mesma importancia que o de xénero.

4. A crise económica fixo que moitas organizacións especializadas en cooperación tamén abríramos áreas de traballo no Norte. Cres que é positiva esta situación? Cal pode ser o valor agregado que as organizacións de desenvolvemento podemos achegar neste contexto?

É unha das mellores novas na loita contra a pobreza dos últimos anos, unha das que máis me ilusiona porque supón pór fin a dous mundos tradicionalmente separados. Positiva no eido político porque permite explicar en España as razóns da nosa crise que xa pasaron en moitos países e continentes antes (na da débeda externa é evidente), sinalar causas comúns como a desigualdade, e aquí fágolle unha homenaxe pública a Intermón Oxfam.

E é positiva no aspecto técnico. En cooperación hai profesionais e ONG con experiencia e capacitación notable que está sendo de moita utilidade aquí, onde moitas veces digo que agora estou "en terreo". Aínda que só sexa para formular proxectos e programas complexos ou usar con soltura o marco lóxico, pero tamén na xestión posterior de programas integrais traballando en rede.

Disto estamos aprendendo moito entidades de aquí e non me canso de dicirllo sempre que podo a cooperantes retornados… e deprimidos. O caso da Asamblea de Cooperación Por la Paz (ACPP) é exemplar, como se está facendo en barrios de San Pedro e Fontiñas en Santiago de Compostela, por exemplo.

Agora, vir do Sur para o Norte para traballar, non para captar novos fondos ou traer vicios do Sur como o apadriñamento ou o asistencialismo. "Están voltando os indianos tras fracasar no Sur!", escoiteille dicir a un presidente dunha ONG de aquí vendo o anuncio do bocadillo máxico.

5. Cales cre que son as claves para erradicar ou reducir a pobreza e exclusión dende o ámbito local? Que podemos facer os cidadáns e cidadás?

O primeiro querer facelo, sabendo que dende o ámbito local é onde se percibe a situación na que viven a maioría dos cidadáns en pobreza ou exclusión, os 672.000 en Galicia ou os case 13 millóns en toda España.

Para as municipais é moito mais doado. En EAPN-Galicia vimos de presentar a campaña 'Concellos ao servizo das persoas', onde lle pedimos aos cidadáns que consulten os datos de pobreza no seu concello e o que inviste no eido social (grazas á bendita transparencia imos tendo máis información) e que reclamen aos seus candidatos que asuman un compromiso de 15 puntos moi factibles e sensatos.

6. Como se pode concienciar sobre a loita contra a pobreza global dende o local, sobre todo nestes tempos onde en demasiadas ocasións se fala de "pobres de aquí e pobres de fóra"?

Primeiro, teño prohibidas no meu vocabulario as palabras "concienciar" e "sensibilizar", espántanme. A xente vén concienciada da casa ou non vén. Nós podemos amosarlle unha realidade, unhas causas e posibilidades de acción política, pero tamén lle podemos amosar o noso exemplo de traballo.

Demostrando que as causas son as mesmas e como as solucionan noutros países do mundo nos que están bastante peor. Non para sensibilizar, senón falando e actuando. Non hai que sensibilizar sobre o fraude fiscal, hai que explicalo e contarlle á xente do Sur como se pelexa contra el.

Os recortes pódense explicar en clave de desigualdade global e presentando alternativas. Encántame, por exemplo, como o fixo e o segue facendo Médicos do Mundo en Vigo e o seu dereito a curar.

Ou a campaña contra o TTIP que vén do entorno de cooperación pero que está calando no sector social. En EAPN-España faremos un seminario interno de formación sobre este tema porque é unha preocupación que nos transmiten tamén ONG de toda Europa.


7. No contexto de estertor no que nos atopamos e sen moitas trazas de albiscar luces para coas persoas empobrecidas, tanto no eido local coma global, cal é o prognóstico de eficiencia/eficacia que pode deducirse de campañas como a que están a desenvolver ('Concellos ao servizo das persoas') se temos en conta a complexidade dalgúns factores como:

– O feito de seren os deseños das políticas municipais un reflexo das vontades/demandas individuais tanto das sociedades rurais como das urbanas estando este, polo tanto, avalado mediante o voto (en teoría o traballo e o salario do persoal político consiste en satisfacer os reclamos socias manifestados nas urnas).

– A idea que pode terse do terceiro sector como representante "autoproclamado" das sociedades empobrecidas, onde a súa supervivencia e profesionalización tamén dependen da lexitimación social e institucional ao falar de financiamento. Poderían establecerse paralelismos entre as institucións políticas e o terceiro sector en canto a seren suxeitos realizadores das mesmas funcións –demandas sociais- pero tamén, como profesionais asalariados xestores e promotores de servizos alén da axuda voluntaria?

– O concepto, prexuízo ou realidade da poboación como actores non responsables á hora de facer reclamos de xustiza social perante aos programas políticos no momento das eleccións. Interésanos padecer? A crise de valores é tan grave que temos o que merecemos? As miras son pequenas porque estamos aterrorizados de que a cousa empeore?

Desbórdame o teu comentario para respondelo en breve e como me gustaría. Só facer algúns apuntes que na propia campaña tratamos de amosar. Tentar si dar algunha luz coas persoas empobrecidas, dando un paso máis, e dentro do sector de acción social aínda que dende fóra non se poida percibir, ata valente.

Esixindo por primeira vez un compromiso concreto de redución de pobreza no primeiro ano de lexislatura e de incremento dos orzamentos sociais á media galega no 2013 (109€ persoa/ano) ou comprometéndose a dimitir en caso de non conseguilo.

Só con isto estamos conseguindo algo que semella menor pero que en absoluto o é. É a primeira campaña na que moitos candidatos están lendo as nosas propostas e decatándose que ou afrontan o resto de compromisos (planificación, coordinación, ir a causas, transparencia, loita contra a corrupción) ou téñeno difícil.

As propostas e a propia campaña veñen, por certo, das demandas e presión de moitas persoas en pobreza que participan na nosa actividade principal, os Encontros de Cidadanía Inclusiva. E "dannos caña", en EAPN e dentro das entidades, baixando os fumes cando algunha ten a tentación de presentarse como representante das sociedades empobrecidas.

É un proceso favorecido por redes sociais tamén e pola propia participación política, como vén de deixar claro o último informe Foessa de Cáritas, detectando unha redución da chamada exclusión política: moita xente que antes se abstíña ou non participaba, agora quere facelo.

Véxoo moi claro na discapacidade, por exemplo, pero tamén en movementos de base como a Oficina de Dereitos Sociais de Coia, en Vigo, ou Boa Vida Inclusión Activa, en Pontevedra.

8. Teñen os gobernos a posibilidade de acabar coa pobreza ou o seu fin é unha utopía?

Teñen a posibilidade, teñen a obriga e sábese perfectamente como facelo con experiencias de éxito en moitos países e territorios. Hai que ter vontade política de facelo ou a presión túa e miña, xunto a outras persoas, ONG e movementos sociais para que o fagan. Con incidencia política, co noso voto e co noso exemplo, axudando pero reclamando ao mesmo tempo que cumpran coa súa obriga.

Xa ves que utilicei varias veces a palabra política. Máis adiante espero preguntar directamente se algunha persoa neste chat se cre a parvada cómplice de que as persoas ou as ONG son apolíticas…

9. Nos últimos anos as ONG destinan máis cartos a combater a pobreza en España?

Si, as ONG de acción social dende logo, ante o aumento brutal de persoas en situación de pobreza ou exclusión (1.320.216 persoas máis en 2013 que no 2009), con moi diferentes enfoques políticos (algúns moi censurables dende o meu punto de vista).

E, como dicía antes, bastantes ONGD están a empezar a realizar actuación directa, cos seus vicios ou virtudes de como actúan no Sur, ben financiando a ONG locais (coma se fosen contrapartes) ou utilizando a denuncia da situación en España como clave para reforzar a súa causa ou simplemente darse a coñecer e aumentar o seu número de socios ou donativos.

10. A pobreza actual no noso país pódena resolver as ONG e cidadáns ou está só en mans de políticas gobernamentais? Por exemplo: non debería ser obriga do Estado prover aos seus cidadáns de produtos básicos para a subsistencia, como os alimentos?

Ultimamente non me canso de repetir a mesma frase: "O Estado ou a Administración non está para axudar as ONG, son as ONG as que están para axudar ao Estado e para esixirlle políticas, planificación e actuacións públicas".

Dende esta perspectiva, as ONG teñen un papel importante, decisivo e cun elevado potencial de calidade e innovación para prestar servizos, pero nunca crendo que somos as que temos que solucionar a pobreza, como tampouco o somos os cidadáns un a un cunha pretendida solidariedade.

Deste erro sabemos moito en cooperación a forza de paus, de fracasos e miles de millóns desperdiciados por pretender facer actuacións sen ter en conta a gobernos implicados, aínda que sexa corruptos. E outra tarefa onde nos poden ensinar moito a experiencia de ONGD.

Pero é un dos principais debates políticos e o dilema de moitas entidades. Asistencialismo ou inclusión? Tapóns ou dereitos? E que non é só noso, hai unhas semanas polemizábamos no blog sobre o perdida que está algunha esquerda defendendo o público na sanidade ou na educación pero privatizando os servizos de subsistencia.

11. Como afecta ás entidades do Terceiro Sector que promoven o empoderamento o avance do asistencialismo como única alternativa á crise? Volveremos á idea de ensinar a pescar en vez de dar o peixe?

Afecta drasticamente e en todas as facetas (intervención, comunicación, etc.) e, por desgraza, imos perdendo. Comunicativamente é moi potente porque apela ao corazón directamente, aínda que sexa con trampas. Non vos perdades este artigo de Luís Barreiro no que fala deste tema.

En como afrontalo hai diferenzas entre as entidades que defenden o modelo inclusivo, sobre todo, pola responsabilidade á hora de traballar coas persoas. Denuncialo frontalmente ou seguir co noso traballo difundíndo exemplos en positivo e sabendo que é unha guerra a longo prazo? Como EAPN temos clara a segunda liña, pero avanzando na creación dun decálogo de conduta sobre comunicación (outra idea que nos vén de cooperación).

Eu a título persoal son máis amigo de expoñer a diferenza ideolóxica e política de xeito máis claro. Que se perciba claramente a diferenza entre un modelo e outro, a complicidade do asistencialismo coa "cronificación" da pobreza e a importancia de loitar contra as causas e pola inclusión. E pódese facer con humor! Algún día faremos en España un spot así.

12. Como se combate a pobreza nuns tempos nos que non para de aumentar incluso en Occidente?

Non distinguir pobreza de aquí ou de alí, senón causas comúns de ambas as dúas. E falar máis, moito máis de riqueza e desigualdade.

Por certo, se non coñecedes a campaña 'Concellos ao servizo das persoas' convídovos a facelo, comezando por mirar no voso concello a porcentaxe de pobreza ou exclusión ou canto inviste en política social por habitante.

Veredes que a distinción esquerda-dereita é bastante difusa cando hai datos ou o problema da extrema dispersión de falta de coordinación entre administracións públicas e outros actores. Un mal endémico do sistema de servizos sociais español ao igual (pero máis extremo) que a cooperación descentralizada.

13. Dende os años 80 producíronse unha serie de actuacións encamiñadas a acentuar as diferenzas entre ricos e pobres. Cre que un cambio político será a solución para equilibrar a balanza? Que máis se podería facer para cambiar esta dinámica?

Sen un cambio político é imposible, co noso voto, a nosa acción en ONG ou a nosa coherencia con valores persoais. Un cambio político planificado e dunha intensidade política e mediática brutal é o que está a provocar a consciencia deste aumento drástico da desigualdade en todo o mundo e especialmente nos últimos anos en España. Xa o dixo Warren Buffett moi claro: "Claro que hai guerra de clases. Pero é a miña clase, a dos ricos, a que a empezou. E imos gañando".

Ter claro que é unha guerra e que as batallas son a mensaxe do individualismo e a culpabilización (o "búsquese a vida", "é cousa súa" ou o "fódete se es pobre, que algo terás feito") é un primeiro paso. Denuncialo (sexan políticas públicas ou ONG cómplices), o segundo. O terceiro é contalo, sempre con respecto e argumentos, coas redes sociais cada persoa é un medio de comunicación.

14. Como cre que influirán os recortes en educación nas estatísticas de pobreza?

De forma decisiva para asegurar que en España caemos xa nalgo que en cooperación coñecemos moi ben, o círculo da pobreza. Cun 33% da poboación menor de 16 anos en pobreza e con recortes brutais en educación pública é impensable pensar económica e socialmente nunha sociedade libre de pobreza e exclusión. Dío hoxe moi claro o informe de Save the Children; por certo, parabéns a Violeta Assiego.

15. Como de importante é para as entidades dar a coñecer os seus proxectos e a súa identidade para chegar a ter incidencia política? Como de necesaria consideras a formación sobre incidencia política dentro das propias organizacións? E, por último, que facer despois desta iniciativa, se aínda así non conseguimos implicación dos noso concellos? Nós seguiremos traballando contra a pobreza e pola visibilización pero, estaría ben un encontro entre entidades para facer unha campaña permanente?

É importante non tanto dar a coñecer os seus proxectos senón a súa causa. Por que loitades? Que buscades transformar? Se está claro, os proxectos son un medio. Este é un reto en moitas ONG e ONGD, distinguir entre causa e marca: as persoas non dan o seu tempo, os seus cartos, o seu apoio a entidades con nome, non lles interesa o que fagan os seus directivos (outro día falamos da vanidade do noso sector), senón polo que defende, contra o que loita.

A formación sobre incidencia política é básica nas organizacións, mellor se a fan deixándolles falar, aos chamados "usuarios". Como aprendemos tamén a forza de paus en cooperación usando palabras ou mellor poñéndoas en práctica, como empoderamento, enfoque comunitario, etc. E pensar que é un traballo a moi longo prazo, non desesperarse ou frustrarse o menos posible cos fracasos puntuais ou as voltas atrás como as que agora temos. Sempre lembro este artigo de Fernando Sebastián para cargarme as pilas.

16. Cando dicimos "en risco de pobreza" queremos dicir que xa somos pobres? Como se valora iso? É a pobreza unha cuestión simplemente monetaria-económica? Ser "pobre" en Galicia é o mesmo que selo nos países subdesenvolvidos?

Cando falamos de poboación en situación ou risco de pobreza ou exclusión (en inglés AROPE, o indicador que usa a Unión Europea) estamos incluíndo tres conceptos: pobreza monetaria (gañar menos do 60% da renda media dun país, en España 676 euros ao mes), privación material severa (non poderse permitir comer carne ou peixe dúas veces á semana, non poder soportar gastos imprevistos ou pagar un aluguer ou cota dun préstamo, non ter vacacións dunha semana ao ano, etc.) e a intensidade laboral no fogar (traballar menos de 8 horas á semana). Aquí explícocho mellor.

Como ves, en países desenvolvidos fálase de pobreza ou exclusión en comparación con indicadores do mesmo país. É distinto de como se adoita falar en países empobrecidos, onde normalmente se entende como menos dun determinado ingreso diario que permita a supervivencia (1,2 euros ao día, por exemplo).

Non é o mesmo ser pobre en Galicia que nos países subdesenvolvidos. Tendo claro que a desigualdade é unha realidade en case todo o mundo e que nos países do Norte estase empobrecendo a maioría da poboación, a distancia coa pobreza do Sur aínda é abismal. Teralo moi claro se tecleas os teus ingresos nesta web.

17. Na túa opinión, cal é a imaxe que os medios de comunicación tradicional transmiten sobre as persoas pobres? Ten mudado a tendencia nos últimos tempos? Cales son as claves para informar sobre a pobreza de maneira axeitada?

Non xeralizo nos medios, hai de todo tipo (e nestes últimos anos están xurdindo moitas posibilidades de informarse grazas a internet). Máis que medio, eu prefiro falar de profesionais que teñen claro un discurso ou outro e que tentan transmitilo (se lles deixan, claro).

Dito isto, a pelexa e o convencemento para mellorar a comunicación sobre a pobreza ou a exclusión segue tendo estereotipos cos que hai que loitar día a día, pero que son semellantes aos que aínda se teñen na sociedade. Hai avances positivos, como nas persoas con discapacidade, pero pasos atrás noutros moitos sectores. En EAPN-Galicia e EAPN-España temos editadas varias guías para comunicadores, sen ningún animo de predicar, que penso son moi útiles. Déixovos unha. En breve, subiremos o decálogo ético que se asumiu por unanimidade na pasada asemblea.

Este vídeo define ben a misión de EAPN e as súas entidades. Sodes dos que credes que as ONG ou as persoas voluntarias debedes ser apolíticas?

Liga o sorteo dende a túa web:

Sorteo #EncontroPobreza

Resultado do sorteo

Un exemplar da revista Tempo Exterior do Igadi: María Villar

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información