Xavier Aldekoa convídanos a mergullarnos na África inabarcable nunha cibercharla que foxe dos estereotipos

Xavier Aldekoa convídanos a mergullarnos na África inabarcable nunha cibercharla que foxe dos estereotipos

Xavier Aldekoa convídanos a mergullarnos na África inabarcable nunha cibercharla que foxe dos estereotipos 1199 799 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O xornalista freelance e multimedia Xavier Aldekoa, correspondente do xornal La Vanguardia en Johannesburgo (Sudáfrica), estará nas redes sociais do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para falar sobre África dende outro punto de vista, o das persoas que viven alí, o dos feitos que marcan o día a día dun territorio asolagado por intereses e presións de potencias e empresas foráneas ou o dos retos e perspectivas de futuro dun dos continentes máis ricos e espoliados do planeta.

O ciberencontro terá lugar o xoves 28 de maio entre as 16.30 e as 18 horas nos perfís de Facebook e Twitter da entidade municipalista, na semana en que conmemoramos o Día de África. O obxectivo é afondar nas causas e factores que están detrás de moitas das adversidades que atravesa o continente, indo máis alá dos problemas que teñen maior visibilidade no Norte, como son as guerras, a pobreza, o incremento do xihadismo ou temas que interesan especialmente a Occidente, coma o ébola e as migracións.

#EncontroAldekoa

Existen diferentes vías para participar no encontro dixital. En directo, as preguntas realizaranse en "comentar", debaixo da imaxe de Xavier Aldekoa que se subirá ao muro do perfil de Facebook do Fondo Galego ás 16.30 horas do xoves 28 de maio. No Twitter pódense formular as cuestións para o xornalista catalán co hashtag #EncontroAldekoa.

Aquelas persoas que non poidan participar á hora fixada para a charla, poden deixar as súas dúbidas neste formulario con carácter previo; no Facebook, no espazo reservado a comentarios nos post que anuncien o encontro ou nunha mensaxe privada; no Twitter, co citado hashtag, ou envialas a fondogalego@gmail.com.

As persoas que acheguen as súas cuestións a través do formulario poderán obter un exemplar da revista Tempo Exterior do Igadi, a que escollan do catálogo; e só por participar entrarán nun sorteo dun lote de libros que levaremos a cabo o 23 de decembro, cando finalicen os encontros #Alén2015.

Xavier Aldekoa

Licenciado en Xornalismo pola Universitat Autónoma de Barcelona (2005), diplomado no posgrao de Cultura de Paz e estudante de Ciencias Políticas. Colaborou con distintos medios de comunicación dende o ano 1996. No 2004 comeza a traballar como redactor en distintas seccións de La Vanguardia. Actualmente é correspondente para África Subsahariana deste xornal e colabora no suplemento Magazine, propiedade do mesmo medio, con reportaxes en profundidade sobre conflitos ou problemáticas sociais en máis de 30 países africanos.

Con carácter paralelo, traballa como camarógrafo, editor e reporteiro para Muzungu Producciones e Telesur, entre outros medios, cubrindo sempre o territorio da África Subsahariana, onde reside dende 2009. Froito do seu labor no continente africano saíu á luz o libro dixital Viaje al corazón del hambre (2011-2012), sobre a crise humanitaria no corno de África, e Océano África (2014), no que retrata a diversidade e o extraordinario deste inabarcable continente. Outros traballos destacables da súa autoría son a serie sobre os 50 anos de independencia en dez países africanos (2010) ou sobre o impacto da SIDA nos cinco países máis afectados do mundo (2011).

#Alén2015

O programa #Alén2015 púxose en marcha en 2014 a través de doce encontros online de carácter mensual coa finalidade de achegar á cidadanía a valoración de diferentes axentes da cooperación sobre a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM), que conclúen este ano, promover o debate e a reflexión en torno a distintas temáticas relacionadas con estas metas definidas pola ONU no ano 2000 e darlle visibilidade ás propostas das persoas convidadas para a axenda de desenvolvemento post 2015, que guiará a cooperación ao desenvolvemento global ata 2030.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información