Xa podes votar as Imaxes con Fondo!

Xa podes votar as Imaxes con Fondo!

Xa podes votar as Imaxes con Fondo! 455 314 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Un total de 95 fotografías, con cadanseu 'tweet', concorren ao concurso Imaxes con Fondo, que nesta segunda edición destacou non só polo aumento de propostas presentadas, senón tamén da súa calidade. As e os internautas poderán votar ata o 1 de decembro as súas instantáneas preferidas na páxina do Fondo Galego en Facebook e un xurado experto seleccionará logo as obras gañadoras entre as quince máis votadas de cada categoría.

Mocidade de entre 14 e 17 anos estaba chamada a participar na sección xuvenil baixo o lema 'A solidariedade dá sentido ás nosas vidas', retratando actitudes solidarias ou insolidarias na nosa contorna ou ben mobilizacións e outras actividades organizadas arredor deste principio. 'Cambia, reivindica e constrúe' era o título do apartado para persoas adultas, no que se procuraba amosar como determinadas prácticas dos países desenvolvidos repercuten negativa ou positivamente sobre as poboacións do Sur.

Para votar as imaxes será preciso darlle anteriormente a "gústame" no perfil do Fondo Galego e achegar os datos requiridos pola aplicación, co obxectivo de evitar a participación fraudulenta. Para garantir a neutralidade, manterase o anonimato das autoras e autores. No entanto, poderán pedir votos para as obras sen indicar explicitamente a autoría e tamén outras persoas poderán compartir a ligazón das votacións. 

Os fotógrafos Rober Amado e Marcos Míguez,  a presidenta da Coordinadora Galega de ONGD, Gemma Filgueira, e mais dúas persoas da Comisión Executiva do Fondo Galego integran o xurado que se reunirá o 3 de decembro en Santiago de Compostela para escoller as imaxes gañadoras entre as máis votadas. A entrega de premios terá lugar o 10 de decembro, Día Internacional dos Dereitos Humanos, no marco das Xornadas de Cooperación 'Alén2015: Os Obxectivos do Milenio, fin e principios', que se celebrarán en Vigo na Casa Galega da Cultura.

Na categoría adulta, o primeiro premio será unha viaxe a Nicaragua co fin de realizar un traballo fotográfico sobre os proxectos apoiados pola entidade organizadora no país centroamericano, mentres que a sección xuvenil está dotada cunha cámara réflex. En ambos os dous casos, o segundo posto recoñecerase cunha cesta de produtos de comercio xusto e o terceiro cun lote de películas de temática social. Toda a actualidade do certame pódese seguir en Twitter a través do hashtag #ImaxesConFondo.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información