Volve o certame ‘Imaxes con Fondo’ para premiar fotografías solidarias e concienciadoras

Volve o certame ‘Imaxes con Fondo’ para premiar fotografías solidarias e concienciadoras

Volve o certame ‘Imaxes con Fondo’ para premiar fotografías solidarias e concienciadoras 1199 856 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación convoca a segunda edición do certame 'Imaxes con Fondo' para convidar á reflexión arredor da solidariedade e da nosa responsabilidade na construción dun mundo máis xusto. Na categoría de persoas adultas, o primeiro premio será unha viaxe a Nicaragua co fin de realizar un traballo fotográfico sobre os proxectos apoiados pola entidade organizadora no país centroamericano. A sección xuvenil, dirixida a mocidade de entre 14 e 17 anos, está dotada cunha cámara réflex. En ambos os dous casos, o segundo posto recoñecerase cunha cesta de produtos de comercio xusto e o terceiro cun lote de películas de temática social.

'Cambia, reivindica e constrúe' é o lema do apartado para persoas adultas, no que se buscan imaxes que reflictan como determinadas prácticas das sociedades do Norte inciden negativamente sobre os pobos do Sur, contribuíndo así a concienciar sobre os efectos da globalización e a crear unha cidadanía global que denuncie as insxustizas. Á categoría xuvenil, titulada 'A solidariedade dá sentido ás nosas vidas', poderán presentarse fotografías que amosen actitudes solidarias na nosa contorna ou ben que denuncien a insolidariedade, tanto no día a día coma en mobilizacións ou outras actividades.

Unha vez pechado o prazo para a recepción das propostas, que remata o 15 de novembro, a selección das imaxes gañadoras levarase a cabo a través de dous procesos complementarios online e offline. Durante un período duns dez días as e os internautas poderán votar a través do perfil do Fondo Galego en Facebook. A posteriori, as quince fotografías máis votadas de cada categoría serán valoradas por un xurado de persoas expertas, que seleccionará as propostas gañadoras. O fallo darase a coñecer no mes de decembro.

O concurso 'Imaxes con Fondo' está aberto a persoas de calquera nacionalidade, sempre que residan en Galicia. Cada participante poderá presentar ata un máximo de tres fotografías, con cadanseu título e acompañadas dun 'tweet', unha mensaxe en galego de 140 caracteres. Só se admitirán obras inéditas, en cor ou en branco e negro, con formato jpg e unha resolución mínima de 300 ppp, dun tamaño que non exceda os 5 MB. As condicións para a presentación e as bases ao completo poden consultarse en www.fondogalego.org/web/imaxes_con_fondo. A organización atenderá as dúbidas a través do enderezo electrónico imaxesconfondo@gmail.com. A actividade 'Imaxes con Fondo' encádrase no Plan de Sensibilización 2014 do Fondo Galego de Cooperación, cofinanciado pola Xunta de Galicia.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información