O programa 'Voces con Fondo' comeza o ano repasando unha das últimas actividades organizadas en 2011: a visita da técnica do Fons Catalá, Victòria Planas, para difundir en Galicia os avances no proxecto conxunto que se executa en Haití.
No espazo de Agareso Radio que informa sobre o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade falan tamén Cristina Moreiras e Diego Sánchez, participantes do programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo. A empregada de Medio Ambiente do Concello de Ourense cooperou en Cabo Verde e o técnico de Turismo de Castrelo de Miño fíxoo en Nicaragua.
As últimas novas da cooperación municipalista e mais os lugares polos que pasarán este mes as exposicións do Fondo Galego son outros dos contidos de 'Voces con Fondo'. A sección de peche protagonízana a película 'Voces Inocentes' e o informe 'Palabras e mundos', dúas recomendacións tiradas do arquivo do Fondo Galego de Cooperación. O programa pode escoitarse na emisora online da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios, no web www.agareso.org.
Preme aquí para acceder ao podcast de 'Voces con Fondo'