Visita Galicia a técnica que vén de supervisar en Haití o proxecto do Fondo Galego de Cooperación

Visita Galicia a técnica que vén de supervisar en Haití o proxecto do Fondo Galego de Cooperación

Visita Galicia a técnica que vén de supervisar en Haití o proxecto do Fondo Galego de Cooperación 1000 750 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

A técnica que vén de supervisar en Haití o proxecto impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e o Fons Català percorrerá Galicia esta semana para explicar os avances verificados en terreo. Entre o 14 e o 16 de decembro, Victòria Planas visitará os Concellos de Cambre, Allariz, Oímbra, Redondela e Vigo, todos eles membros do Fondo Galego e doadores da conta de emerxencia aberta pola entidade tras o terremoto de xaneiro de 2010.

As achegas de diversas Administracións socias e dalgúns cidadáns a título individual ascenderon a 171.192 euros, que se investiron nun proxecto a prol do desenvolvemento local co Centro para Cultura e o Desenvolvemento de Carice (SKDK) como parceiro. A actuación que se está a executar nos municipios de Carice, Vallières e Monbin Crochu, promove a formación en agroecoloxía, socioeconomía e construción antisísmica. Como práctica, o alumnado ergueu un centro polivalente resistente a terremotos e furacáns con materiais tradicionais, que servirá como modelo para futuras vivendas. Tamén se reconstruíu a sede da radio comunitaria, incendiada nos incidentes derivados do descontento dalgúns sectores cos últimos resultados electorais.

O proxecto contempla asemade a concertación dun programa intermunicipal de políticas públicas arredor de cuestións como a ordenación do territorio ou a prevención de riscos. Co fin de minguar a vulnerabilidade da poboación, estase a crear ademais un sistema de información intercomunal sobre control de desastres. Doutra banda, trabállase cun grupo de mulleres nun obradoiro de arxila para elaborar filtros potabilizadores que reduzan a incidencia de enfermidades coma o cólera.

A responsable de proxectos de Centroamérica, México e Caribe no Fons Català, Victòria Planas, dará conta en Galicia da marcha do proxecto, contribuíndo así a garantir a transparencia dos investimentos. Ao tempo, ofrecerá un testemuño de primeira man sobre a situación na que se achan na actualidade as haitianas e haitianos.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información