Victòria Planas: “O noso proxecto en Haití pretende mellorar a situación existente antes do terremoto”

Victòria Planas: “O noso proxecto en Haití pretende mellorar a situación existente antes do terremoto”

Victòria Planas: “O noso proxecto en Haití pretende mellorar a situación existente antes do terremoto” 800 533 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

A técnica que vén de supervisar en Haití o proxecto impulsado polo Fondo Ga­lego de Cooperación e o Fons Català explicou onte que se trata dunha iniciativa “planificada co obxectivo de mellorar a situación que había antes do terremoto, pois as accións teñen que transformar e mellorar as condicións anteriores”. Victòria Planas relatou a súa recente estadía no país caribeño ao longo da conferencia que ofreceu en Ames, Concello socio do Fondo Galego que realizou a súa doazón á conta de emerxencia aberta tras a catástrofe.

A técnica catalá indicou que o proxecto chamado ‘Fortalecemento do desenvolvemento local sostible e inclusivo no Nordeste de Haití como resposta aos efectos do sismo do 12 de xaneiro’ estase a desenvolver nas vilas de Carice, Vallières e Monbin Crochu, na fronteira coa República Dominicana. Trátase de “crear capacidades conxuntas para a prevención e a protección da poboación, diminuíndo así o grao de vulnerabilidade de cara á tempada ciclónica”, apuntou. En xaneiro de 2012 agárdase verificar os catro resultados previstos.

O primeiro é o establecemento dunhas normas para a prevención de riscos e desastres, ordenando o territorio, e para o control de epidemias. O segundo resultado é a adaptación de tres plans de estudos de formación profesional no Centro de Formación Profesional de Carice, con obxecto de que as novas promocións saiban xestionar convenientemente os novos recursos forestais de que se van dotar os territorios (módulo de agroecoloxía), estean capacitadas para construír vivendas resistentes a ciclóns e sismos (módulo de construción), e sexan emprendedoras (módulo de socioeconomía).

A esta formación vincúlase a terceira meta: erguer un prototipo de edificio, que será centro comunitario para os tres municipios, e que incorporará os novos criterios de construción, no ánimo de que poidan ser replicados na zona e en todo o país. Trátase dunha construción baseada no bambú e o piñeiro caribeño, materiais extraordinariamente resistentes e adaptados ao clima local, que foron os únicos que soportaron o terremoto. Son tamén materiais autóctonos cuxa demanda contribuirá a activar a economía local e reforestar os montes. Ademais, na adaptación do plan de estudos do módulo de construción participa unha asociación de mulleres local, con experiencia no traballo da arxila, que ensinarán ao alumnado a fabricar filtros de auga para eliminar as bacterias causantes do cólera e outras enfermidades gastrointestinais; os fornos onde se coce a cerámica funcionan queimando os restos do bambú. Como cuarto resultado do proxecto, crearase un sistema de información xeográfica para dispor de mapas que ubiquen as zonas de risco ante posibles catástrofes naturais e, ao tempo, reactivaranse os comités de protección civil municipais, implicando a xente nova e mulleres.

Victòria Planas deixou claro que a actuación se rexe por unha serie de principios que, ademais de mellorar a situación previa ao terremoto, contemplan a coordinación coas autoridades locais e estatais e mais un vínculo horizontal “de igual a igual” co parceiro local, o Centro para a Cultura e o Desenvolvemento de Carice (SKDK). A responsable de proxectos de Centroamérica, México e Caribe no Fons Català defendeu que “os protagonistas no esforzo de reconstruír o seu país son os propios haitianos” e que “ a resposta internacional ten que basearse no respecto á soberanía de Haití e de acordo coas necesidades e demandas da poboación”. Apuntou tamén que “a construción de cidadanía é un contrapeso importante cando os poderes están tan fráxiles, de aí que este proxecto aproveite o potencial humano, da sociedade civil organizada que hai no territorio, onde a xente está loitando por un futuro mellor”.

Testemuño de primeira man

A conferenciante retratou un contexto de emerxencia complexa, onde se produce un colapso do Estado, pois faleceron moitas autoridades e funcionariado. “Afúndese a economía formal porque se derrubaron as fábricas, a poboación xa non come tres veces ao día, hai un éxodo da capital aos municipios, que se ven desbordados, e prodúcese unha violación dos dereitos humanos, porque os campos de refuxiados están colapsados. A construción de vivendas complícase ademais porque non hai catastro, e resulta difícil demostrar quen tiña unha casa. A maioría das escolas son privadas, e o sistema de saúde non dispón de recursos”, explicou.

Victòria Planas ofreceu cifras dramáticas: 250.000 mortos contabilizados, 1.600.000 persoas desprazadas e 3 millóns de damnificados. “Un ano despois do acontecido, a crise a todos os niveis tense agudizado e a vulnerabilidade medrou”, asegura. “Os cascallos continúan nas rúas de Port-au-Prince e dá a impresión de que non se fixo nada, aínda que tamén se fan cousas que non se ven”, apuntou. Sobre o polémico papel da ONU, segundo a técnica “a xente non quere aos cascos azuis, dunha banda porque Haití non supón unha ameaza internacional e sufrir unha ocupación militar é moi duro, e doutra porque, como non é o seu mandato, non empregan as súas maquinarias e vehículos na reconstrución”. “Hai un millón e medio de persoas vivindo en campos de refuxiados, son tendas de campaña instaladas nas prazas públicas e na zona do aeroporto. E só se construíu a cuarta parte dos 100.000 refuxios previstos, e que deberían ser temporais pero estanse a converter en permanentes”, sostén.

“Nos programas de ‘comida por traballo’, tráense os alimentos de Estados Unidos ou Europa, e isto prexudica aos agricultores haitianos, que non poden darlle saída ao seu produto. Agora funciona o sistema de ‘diñeiro por traballo’, co que os campos fican sen xornaleiros e pérdese a colleita, pero os contratos na cidade son só por quince días”, relatou a técnica. “Isto non está solucionando as cousas, por iso dicimos que ten que haber outro xeito de cooperar”, reclama.

No entanto, “con este escenario tan adverso, nunha zona rural que recibiu poboación desprazada, estamos a traballar dende o poder local pensando no futuro”, apuntou. “Podemos actuar en rehabilitación, empezar a reactivar os municipios para favorecer o desenvolvemento local”, remarcou. Victòria Planas apostou pola “transparencia na xestión e nas contas, a coordinación con outros actores do territorio, e a descentralización das decisións e actuacións”. Avogou asemade pola “participación dos municipios e organizacións, contar cos medios locais e xestionar a fraxilidade institucional co fortalecemento e empoderamento dos actores locais”.

Colaboración dos Concellos

O alcalde de Ames, Carlos Fernández, remarcou na presentación do acto o “orgullo” do seu Concello por pertencer ao Fondo Galego de Cooperación.  “A pesar da crise, temos que ser conscientes do moito peor que o están pasando noutras zonas do mundo e sempre debe haber unha parte da nosa economía que debe ir camiño de favorecer esa solidariedade internacional”, apuntou. Como presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Carlos Fernández lembrou que existen uns estreitos lazos de colaboración entre a Fegamp e o Fondo Galego. 

Pola súa parte, o responsable da Secretaría Técnica do Fondo Galego, Ánxelo González, agradeceu a contribución de Ames á conta de emerxencia aberta xusto despois do terremoto “porque intuíamos que se ía xerar unha vaga de solidariedade, e de feito produciuse unha cantidade de doazóns importante, que ascende a 170.000 euros”, sinalou.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información