As deputacións e concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade teñen ata o 15 de xullo para postularse á segunda edición do programa de cooperación técnica Vacacións con Traballo en Galicia, que posibilita a estadía de persoal das entidades parceiras nos países do Sur en distintas administracións locais para intercambiar experiencias. Neste caso, será unha técnica da Asociación Nacional de Municipios Mozambicanos, Elsa Dimande, a que realizará esta viaxe formativa durante o mes de setembro, cofinanciada pola Xunta de Galicia.
Os concellos e deputacións que voluntariamente desexen colaborar con este programa para reforzar as capacidades dos municipios mozambicanos poden facelo enviando a ficha de solicitude debidamente cuberta a acorzo@igadi.org. Neste mesmo enderezo electrónico ou no teléfono 986 843 436 poden consultar calquera dúbida ou obter información adicional, así como no documento da convocatoria, onde tamén figura o perfil detallado da convidada mozambicana.
Formarse na planificación e xestión de actividades arredor da equidade de xénero e das políticas públicas municipais orientadas á infancia é o obxectivo da técnica da ANAMM, que está interesada nos eidos da igualdade, traballo social con nenas e nenos, urbanismo enfocado ao benestar das cativas e cativos, orzamento participativo en materia de xénero e infancia ou asociacións de mulleres involucradas no desenvolvemento económico local. O destacamento nestas áreas, así como a innovación e a orixinalidade das actividades que se estean a realizar no municipio, serán criterios a ter en conta para a selección dos tres concellos que acollerán a Elsa Dimande durante unha semana cada un, xa que os últimos días do mes colaborará directamente coa Secretaría do Fondo Galego.