Unha ollada ao Sur no Día da Muller

Unha ollada ao Sur no Día da Muller

Unha ollada ao Sur no Día da Muller 1500 1035 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Un ano máis chega o 8 de marzo e, aínda que sexa só por un intre de 24 horas, a problemática da desigualdade de xénero faise visible no Día da Muller. É unha data para reivindicar os nosos dereitos, pero tamén para recoñecer os avances acadados por quenes loitaron e loitan para que cada día a fenda entre elas e eles mingúe un chisco máis.

Nesa tarefa está dende hai máis dunha década o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, integrado na actualidade por noventa e cinco Concellos e as catro Deputacións de Galicia. Aquí, no Norte, o Fondo Galego promove a equidade de xénero con actividades de sensibilización como contacontos, exposicións, charlas ou obras de teatro. Alá, no Sur, desenvólvense importantes proxectos para empoderar as donas dos países empobrecidos.

Nicaragua, El Salvador, Guatemala, Perú ou Bolivia son algúns dos lugares onde se desenvolveron as primeiras iniciativas a prol da igualdade entre homes e mulleres, ben co Fondo Galego como impulsor directo ou ben cofinanciando as propostas de ONGD galegas. Apoiouse ademais ás mulleres palestinas en Israel e a erradicación do infanticidio en Etiopía, neste caso apoiando a ONG Implicadas, que tamén impulsou a creación de grupos de aforro femininos en Addis Abeba para evitar que as nenas dos suburbios teñan que traballar na rúa.

No entanto, nos últimos anos é en Cabo Verde onde se está a centrar o traballo do Fondo Galego de Cooperación para fomentar a igualdade. No arquipélago lusófono desenvólvense proxectos propios, nos que a entidade pon en valor o feito de ser unha asociación de administracións locais ao escoller como parceiras administracións locais do Sur. A importancia do xénero nos municipios é capital, por diversos motivos: a presenza de mulleres electas e técnicas nos concellos normaliza a presenza feminina en ámbitos tradicionalmente vetados; as políticas municipais de xénero desenvólvense con meirande acerto cando son promovidas por mulleres; e as administracións locais, pola súa proximidade á cidadanía, áchanse nunha situación privilexiada para percibir e atender problemas como, por exemplo, a violencia de xénero.

Estas sinerxías aproveitáronse especialmente nos proxectos implementados en Cabo Verde, e nomeadamente no municipio do Paúl, o máis avanzado en políticas municipais de xénero e tamén o único gobernado por unha alcaldesa, Vera Almeida, quen recentemente visitou Galicia para dar a coñecer os bos resultados acadados. O Fondo Galego apoiou en Paúl o Plan de Igualdade e Equidade de Xénero e a creación dun Gabinete da Muller, e máis recentemente cofinanciou a rehabilitación de vivendas, priorizando as das nais cabezas de familia. Nun ámbito máis amplo, traballouse co Instituto Caboverdiano para a Igualdade e Equidade de Xénero co fin de incrementar a presenza feminina nas listas electorais, e tamén para a implantación de políticas locais con perspectiva de xénero. Mesmo se chegou a celebrar na capital, Praia, un seminario onde mulleres políticas e técnicas das cámaras municipais caboverdianas intercambiaron experiencias cunha delegación de municipalistas galegas.

En total, desde 1998 o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade promoveu dezanove proxectos de xénero aos que destinou 430.780 euros. Pero a preocupación pola igualdade vai máis alá, e sitúase como elemento transversal a ter en conta en todas as iniciativas financiadas, tal como establece o documento Estratexias 2007-2011, que fixa as liñas mestras de actuación do Fondo Galego.

Aínda que só sexa por un intre de 24 horas, hoxe cómpre ter en conta que no Sur, coma no Norte aínda que coas súas particularidades, as mulleres enfróntanse cada día a un contexto que mantén a balanza entre elas e eles en permanente desequilibrio. Aquí e alá o obxectivo é o mesmo: avanzar na participación das mulleres, na real consecución dos nosos dereitos e na desestruturación dos roles de xénero.

 

María C. López Fernández
Vicepresidenta do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información