Unha enfermeira galega residente en Mozambique explica o proxecto co Fondo nos concellos socios

Unha enfermeira galega residente en Mozambique explica o proxecto co Fondo nos concellos socios

Unha enfermeira galega residente en Mozambique explica o proxecto co Fondo nos concellos socios 1199 766 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

A enfermeira galega María José Castro, directora executiva da Fundaçao Encontro, percorrerá esta semana nove municipios socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para dar a coñecer o proxecto a prol da saúde infantil e materna apoiado en Mozambique. A coruñesa, que desde hai 16 anos reside e traballa no país africano, inicia ás 17 horas en Bergondo as recepcións institucionais, tras reunirse esta mañá coa subdirectora xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, Pilar Romero.

María José Castro participará ademais nas xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria, que se celebrarán nas catro capitais de provincia, ás que está convocado o persoal técnico delegado do Fondo Galego en cada un dos 88 concellos e as dúas deputacións socias. Nestes encontros, a Secretaría Técnica dá conta das actividades de sensibilización fronte as desigualdades realizadas durante ao ano, como obradoiros de fotografía social, charlas sobre as nenas e nenos soldados, actuacións musicais, exposicións, contacontos, etc.

Nas xuntanzas póñense asemade en valor os proxectos de cooperación internacional impulsados en países do Sur, como as axudas de post emerxencia para reconstruír un centro sanitario tras as inundacións nos campamentos saharauís ou as destinadas ao equipamento informático dun concello ecuatoriano logo do terremoto. Desta volta, ademais, contarase co testemuño directo chegado desde África, que achegará os bos resultados do traballo realizado por activistas locais para concienciar a mulleres e familias sobre a importancia de acudir ás consultas pre e post parto, así como de dar a luz na maternidade.

A directora da Fundação Encontro reuniuse con responsables da Cooperación Galega.Alén doutras recepcións nos concellos de Silleda ou Oleiros, a axenda de María José Castro inclúe senllas charlas abertas ao público para dar a coñecer a realidade mozambicana e a utilidade dos proxectos de cooperación para o desenvolvemento cofinanciados polas administracións locais galegas. A primeira terá lugar na Casa Consistorial de Sarria mañá martes ás 16.30 horas e a outra será o mércores ás 18 horas no Edificio de Usos Múltiples do Barco de Valdeorras.

O proxecto coa Fundação Encontro xa fora supervisado sobre o terreo pola traballadora social do Concello de Bergondo Mónica Mourín, que pasou un mes colaborando con esta entidade a través do programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo, dirixido a persoal técnico municipal. Do mesmo xeito, tiveron a oportunidade de coñecelo as catro concelleiras de Lugo, Moaña, San Sadurniño e Verín que viaxaron a Mozambique para participar nun intercambio de experiencias en materia de igualdade coas súas homólogas.
    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información