Unha traballadora e un traballador da Deputación de Pontevedra colaboraron durante o mes de outubro con senllos Concellos de Cabo Verde a través de ‘Vacacións con Traballo’, o programa de voluntariado en países do Sur para persoal das Administracións socias do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
María José Pérez González, arquitecta da Unidade de Promoción e Desenvolvemento, cooperou coa Cámara Municipal do Paúl, en actividades de renovación urbana, reparación e preservación. Participou asemade en accións de formación para técnicas e técnicos locais e aproveitou para supervisar os proxectos apoiados na zona polo Fondo Galego, como é a rehabilitación de vivendas na localidade de Eito.
Joaquín Lede, coordinador de proxectos europeos na Administración provincial, colaborou coa Cámara de Porto Novo. Alí apoiou a busca de financiamento, a través de diferentes convocatorias de subvencións. Axudou asemade en tarefas coma a revisión do Plan de Acción Municipal ou a análise do orzamento local.
A voluntaria e o voluntario contan as súas experiencias en cadanseu blog, aos que se pode acceder a través da páxina www.fondogalego.org. Ambos os dous destacan a boa acollida proporcionada polos parceiros do Fondo Galego de Cooperación no arquipélago africano e a predisposición das técnicas e técnicos municipais cos que intercambiaron coñecementos.
Outros dous participantes de 'Vacacións con Traballo' atópanse nestes intres sobre o trerreo. Cristina Moreiras, técnica de Medio Ambiente do Concello de Ourense, bota unha man no servizo municipal equivalente da Cámara do Paúl, en materia de augas residuais ou tratamento do lixo, pero tamén incidirá na concienciación medioambiental con alumnado de varios centros educativos. Diego Sánchez, técnico de Turismo no Concello de Castrelo de Miño, colabora en Totogalpa co Instituto de Promoción Humana (INPRHU), apoiando o plan de desenvolvemento turístico, vencellado aos recursos naturais e culturais da zona. Ademais de compartir coñecementos especializados e apoiar actividades concretas, a través dos seus blogs sensibilizarán sobre a realidade dos países empobrecidos e visibilizarán os proxectos de cooperación ao desenvolvemento que alí se cofinancian.