Unha arquitecta do Concello de Vilagarcía colabora na rehabilitación de Santiago de Cuba tras o Sandy

Unha arquitecta do Concello de Vilagarcía colabora na rehabilitación de Santiago de Cuba tras o Sandy

Unha arquitecta do Concello de Vilagarcía colabora na rehabilitación de Santiago de Cuba tras o Sandy 1300 975 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

– A técnica está a supervisar os proxectos cofinanciados pola entidade para mellorar as vivendas e unha escola, gravemente afectadas polo último furacán.

Unha arquitecta da Oficina de Vivenda e Rehabilitación do Concello de Vilagarcía de Arousa, Sara Besada, atópase en Santiago de Cuba para apoiar a rehabilitación da cidade histórica, que quedou gravemente danada tras o paso do furacán Sandy. A técnica está a colaborar durante o mes de febreiro coa Oficina do Conservador a través de Vacacións con Traballo, o programa de voluntariado internacional do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

Sara Besada puido coñecer de primeira man os proxectos promovidos pola entidade nos últimos anos para mellorar a habitabilidade no casco antigo, principalmente mediante a construción de baños e cociñas, a colocación de cubertas e o arranxo das instalacións eléctricas. "A situación que está a atravesar Santiago de Cuba nestes momentos é especialmente sensible, pois o paso do furacán Sandy en outubro arruinou, en tres horas, esforzos de moitos anos por recuperar a cidade", comenta a arquitecta grovense, que leva máis de dous anos realizando unha asistencia técnica nas Oficinas de Rehabilitación de Carril, Vilaxoán e Vilagarcía.

"As edificacións atópanse en moi mal estado xeral e os recursos económicos da cidadanía e do Estado son moi limitados. Aínda así, a Oficina do Conservador, a través de pequenas accións e mediante proxectos de cooperación e co esforzo propio dos habitantes, resolveu moitos problemas", engade no blog vacacionscontraballoencuba.wordpress.com.

A arquitecta arousá está a participar tamén na planificación da reconstrución da escola de Cayo Granma, ubicada na área declarada Patrimonio da Humanidade e practicamente destruída polo ciclón. Un proxecto que o Fondo Galego cofinanciará con 18.000 euros grazas á achega extraordinaria dun dos seus socios, o Concello de Vigo.

Coa estadía de Sara Besada en Cuba complétanse as catro viaxes correspondentes á convocatoria 2012 de Vacacións con Traballo, un programa dirixido ao persoal técnico dos Concellos e Deputacións socias do Fondo. A arquitecta municipal de Soutomaior, Cristina Vázquez, e unha técnica de Servizos Sociais de Malpica, Cristina Santos, estiveron cooperando con municipios caboverdianos, mentres que Lucía González, da Concellería de Termalismo de Ourense, colaborou en Nicaragua coa ONGD Inprhu-Somoto.

As súas experiencias recolleranse nun caderno electrónico para continuar sensibilizando sobre a realidade dos países empobrecidos a partir deste intercambio de experiencias. Asemade, na canle do Fondo Galego de Cooperación en Youtube están dispoñibles os vídeos nos que participantes das seis edicións anteriores de Vacacións con Traballo comparten as súas vivencias, entre outros audiovisuais sobre o traballo da entidade.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información