Unha arquitecta do Concello de Verín colabora en Cuba como voluntaria do programa ‘Vacacións con Traballo’

Unha arquitecta do Concello de Verín colabora en Cuba como voluntaria do programa ‘Vacacións con Traballo’

Unha arquitecta do Concello de Verín colabora en Cuba como voluntaria do programa ‘Vacacións con Traballo’ 500 769 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

A directora da Oficina de Rehabilitación do Casco Histórico de Verín, Patricia Varela, viaxa o vindeiro 4 de decembro para Cuba como participante do programa ‘Vacacións con Traballo’. Esta iniciativa de voluntariado en países do Sur está impulsada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que a administración local forma parte. O obxectivo é que os profesionais galegos intercambien coñecementos teóricos e prácticos coas entidades de acollida, á vez que se visibilizan os proxectos cofinanciados pola asociación de Concellos e Deputacións.

A arquitecta colaborará durante un mes coa Oficina do Conservador de Santiago de Cuba, institución dedicada a preservar o patrimonio histórico-cultural e monumental da cidade. Alí vai apoiar a continuación do proxecto de mellora das condicións de habitabilidade na área de Los Marceos, que afecta a máis de 80 vivendas da zona antiga. Trátase dunha das actuacións derivadas do Plan Mestre para a revitalización da cidade histórica que se aprobou en 2009 e cuxa consecución viña sendo apoiada dende hai varios anos polo Fondo Galego, canda a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago de Compostela.

Patricia admite que a decisión de apuntarse ás ‘Vacacións con Traballo’ “foi máis visceral ca razoada”. “Trasladar o que me gusta facer aquí a outro lugar, a outra arquitectura, con outra cultura, con outra xente, paréceme unha experiencia fortísima que non quería perder”, asegura. Ao outro lado do Atlántico, terá igualmente que “intentar comprender o patrimonio construído como a memoria dunha forma de vida, unha arquitectura que cómpre coidar, conservar e rehabilitar, na busca dunha mellor calidade de vida dos seus habitantes”. A arquitecta non oculta o nerviosismo propio de enfrontarse algo novo dende o sentimento. “Isto non é unha obriga, é algo que eu elixín, e que quero facelo ben; cando lle estás poñendo o corazón a algo séntelo como moi importante, tes que dar a talla”, explica.

Patricia Varela irá plasmando as súas vivencias en Cuba nun blog, ao que se poderá acceder a través do web www.fondogalego.org. Así o está a facer tamén Brais García, técnico da Deputación de Lugo que se atopa nestes intres en Nicaragua grazas ao programa ‘Vacacións con Traballo’, colaborando co Instituto de Promoción Humana. De Cabo Verde acaban de regresar Gonzalo Alonso e Cristina Moreiras, que botaron unha man coas tarefas administrativas na Câmara Municipal de São Filipe. A finais do verán xa estivera tamén no Perú a psicóloga do CIM de Nigrán, Carolina Iglesias, traballando cuestións de xénero. Á volta, todos eles desenvolven un importante labor de sensibilización recollendo as súas experiencias nunha publicación e impartindo charlas sobre a necesidade de reducir os desequilibrios Norte-Sur.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información