Os últimos proxectos financiados en Guatemala polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que o Concello de Ames forma parte activa, permitiron mellorar as oportunidades educativas e a saúde da poboación indíxena ch’orti’ no municipio de Jocotán. Así o confirmou esta mañá Evelyn Ramírez, representante da asociación guatemalteca Mejorha, nun encontro coas concelleiras Uxía García e Susana Señorís, no que tamén participaron o presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Juan González, a directora da ONGD Solidariedade Internacional de Galicia (SIG), María Paz, e persoal de varios departamentos municipais.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade apoiou cun total de 50.000 euros os dous proxectos presentados por SIG con Mejorha como socia local. O primeiro, executado en 2021, baseouse na construción participativa dun módulo educativo para facilitar a formación a distancia do alumnado de Secundaria. Ademais de erguer o centro, este dotouse de mobiliario, libros de texto, equipamento informático e placas fotovoltaicas, alén de contar cun titor. Deste xeito, “a mocidade pode continuar os seus estudos e desbota a idea de emigrar para traballar en condicións de explotación”, explicou Evelyn Ramírez.
Doutra banda, en 2023 procedeuse á instalación de cociñas ecolóxicas en trinta vivendas da comunidade Guayabillas Barrio Nuevo e da aldea de Talquetzalito, que permitiron reducir á metade as doenzas respiratorias e oculares causadas polo fume das fogueiras que anteriormente prendían no chan. Os novos fogóns evitan asemade queimaduras e lesións por agacharse para cociñar, sobre todo entre as mulleres, alén de minguar o risco de incendios.
Ademais de mellorar a seguridade e a saúde de 138 persoas, das que 74 son nenas e nenos, as novas cociñas sostibles permitiron reducir o consumo de leña en máis dun 50%, o que equivale á conservación de 124 árbores cada ano. Isto tradúcese tamén nun aforro para a economía doméstica ou ben nunha maior dispoñibilidade de tempo. Doutra banda, cada fogar recibiu materiais de limpeza e un lote de utensilios de cociña, con potas, cubertos ou pratos.
Ao mesmo tempo, as familias asistiron a diferentes formacións, tanto sobre o uso e o coidado das cociñas de ferro como sobre as medidas de hixiene na preparación e consumo dos alimentos. A maiores, impartiuse un obradoiro sobre a recuperación das tradicións locais vinculadas á comida e sobre as propiedades nutritivas e medicinais das especies vexetais propias da rexión, co obxectivo de incorporalas na dieta diaria e fomentar unha agricultura sustentable, a fin de favorecer así o consumo responsable e a soberanía alimentaria.
Compre destacar a apropiación do dereito a unha vivenda digna por parte da comunidade e mais a súa implicación activa en todas as fases do proxecto, comezando pola recolección de materiais locais, como grava e area, para elaboraren despois os 1.500 ladrillos artesanais empregados nas obras. A veciñanza mesmo carrexou a pé os materiais e a maquinaria precisa ao longo de 2 km, xa que o deterioro dos accesos na época de chuvias impedía o tránsito de vehículos, e ofreceulles tanto aloxamento como manutención aos albaneis, cos que tamén colaboraron. Canda os propios Consellos Comunitarios de Desenvolvemento, involucráronse na intervención distintos departamentos municipais e rexionais.
Compromiso municipal
“Ás veces non somos conscientes dos resultados e a repercusión que a cooperación internacional ten na mellora da vida das persoas, e testemuños como o de hoxe permítennos comprobar que os fondos destinados a estes proxectos están ben investidos, ademais de sensibilizarnos e motivarnos aínda máis para seguir traballando neste senso”, destacou o presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Juan González, tras a xuntanza en Ames. Pola súa parte, a concelleira de Benestar Social, Uxía García, expresou que “Ames é un concello con conciencia colaboradora, e é unha satisfacción saber que a nosa pequena achega ao Fondo Galego dá estes marabillosos froitos”. “De vez en cando é bo que, independentemente da aportación económica que se faga, nos poñades en terreo, que nos amosedes o que se está facer e o impacto que iso ten nas comunidades”, concluíu.
Cinema na rúa
Co fin de visibilizar a realidade de Guatemala e sensibilizar en materia de cooperación ao desenvolvemento, Solidariedade Internacional de Galicia e o Fondo Galego están a levar a cabo a actividade ‘Cine e cooperación, unha ventá aberta ao mundo’ nos concellos de Abegondo, Cabana de Bergantiños, Laxe, Monforte, Redondela, Ribeira, O Rosal e Silleda. Trátase dunha iniciativa de educación para a cidadanía global, cofinanciada pola Xunta de Galicia, na que se proxectan unha serie de curtametraxes que abordan temáticas como o dereito a unha vivenda digna, a soberanía alimentaria ou a seguridade e hixiene alimentarias, vinculándoas aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. A sesión de cinema na rúa remata cun coloquio co público arredor destas problemáticas e da cooperación internacional.