Un traballador da Asociación de Municipios Mozambicanos fórmase en catro concellos

Un traballador da Asociación de Municipios Mozambicanos fórmase en catro concellos

Un traballador da Asociación de Municipios Mozambicanos fórmase en catro concellos 1199 899 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Un técnico da Asociación Nacional de Municipios de Mozambique pasará un mes intercambiando coñecementos con persoal de catro concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A través do programa Vacacións con Traballo en Galicia, cofinanciado pola Xunta, o especialista en finanzas municipais Onofre Muianga visitará os concellos de Burela, Cabanas, Outes e Moaña para coñecer a súa experiencia nesta área. O obxectivo é reforzar as capacidades dos municipios do Sur, ao tempo que se contribúe a sensibilizar sobre a súa situación e visibilizar as potencialidades.

Recadación e xestión de impostos, catastro tributario, transferencias fiscais e outras fontes de financiamento ou control interno e modelos de rendición de contas son algúns dos temas de interese do convidado africano. Onofre Muianga pasará unha semana en cada municipio, favorecendo deste xeito a implicación das administracións locais galegas na solidariedade internacional, ademais de aproveitar para reunirse con distintas institucións.

O técnico mozambicano atópase xa no Concello de Burela, onde ás 12 horas participará nunha recepción institucional. Ademais do traballo diario no departamento económico, está previsto que Onofre Muianga viste o mércores a Deputación de Lugo e ofreza unha charla no IES Perdouro o xoves, alén de coñecer a actividade de distintas asociacións e os principais puntos de interese da vila. A última semana de setembro vaina pasar no Concello de Cabanas, onde tamén terá unha intensa axenda laboral combinada con visitas turísticas pola comarca do Eume e xuntanzas con colectivos locais para favorecer o intercambio cultural.

Na primeira semana de outubro, o convidado de Mozambique estará intercambiando experiencias con responsables das finanzas municipais no Concello de Outes, onde tamén ofrecerá unha charla sobre a realidade do país lusófono no IES Poeta Añón e se achegará a diversas actividades produtivas da zona. A estadía culminará no Concello de Moaña, con máis traballo polas mañás e outro tipo de experiencias polas tardes, nas que visitará instalacións deportivas, grupos de música tradicional, etc. Tamén haberá tempo para senllos encontros con alumnado do IES As Barxas e do IES A Paralaia.

Axuda de emerxencia tras o ciclón

O Fondo Galego ten apoiado en Mozambique unha decena de proxectos que nos últimos anos se veñen intensificando a partir da liña de traballo iniciada coa ANAMM. A última actuación levada a cabo foi a axuda de emerxencia facilitada á vila de Nhamatanda, gravemente afectada polo paso do devastador ciclón Idai. Ademais, os sistemas de abastecemento de auga construídos no municipio de Nhamayábue -para evitar que a veciñanza fose atacada por fauna salvaxe ao collela no río- resultaron prexudicados polas fortes chuvias, polo que se están levando a cabo tarefas de reparación. Doutra banda, vén de rematar o proxecto para previr doenzas, adiccións e embarazos precoces na mocidade empregando como ferramenta o deporte, da man da Fundaçao Encontro.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información