Un empregado da Deputación de Lugo colaborará durante un mes co Instituto de Promoción Humana de Nicaragua, no marco do programa ‘Vacacións con Traballo’ impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A administración provincial pertence a esta asociación de Concellos e Deputacións, que cada ano envía persoal das entidades socias como voluntarias e voluntarios a países do Sur. Alí comparten os seus coñecementos coas entidades de acollida, axudando a fortalecer as capacidades locais.
Brais García, técnico do Museo Provincial de Lugo, contribuirá en Nicaragua á posta en marcha de iniciativas a prol do desenvolvemento do turismo ecolóxico e a promoción da artesanía local, campos nos que xa ten experiencia. Ademais de coñecer unha realidade diferente, o lucense agarda comprobar cómo, con recursos limitados, os traballadores centroamericanos afrontan o día a día. Trátase, por tanto, dun reto no persoal e no profesional: “comprobar se un por si mesmo, sen os medios habituais, pode desenvolverse noutro contexto”, explica. O técnico provincial quere partir o vindeiro domingo 31 de outubro sen expectativas, “sen prexuízos mentais que logo me leven a adaptar a realidade aos meus esquemas preconcibidos”, comenta, disposto a idear solucións unha vez se ache sobre o terreo.
Canda o lucense Brais García, outros catro membros do funcionariado local galego participan na quinta convocatoria do programa ‘Vacacións con Traballo’. A psicóloga do CIM de Nigrán, Carolina Iglesias, xa regresou da súa estadía no Perú. Dous empregados do Concello de Ourense, Gonzalo Alonso e Cristina Moreiras, atópanse nestes intres en Cabo Verde. O 15 de novembro viaxará para Cuba a arquitecta do Concello de Verín, Patricia Varela. As súas vivencias vanas plasmando en cadanseu blog, dispoñibles no web www.fondogalego.org. Asemade, as cinco experiencias recolleranse despois nunha publicación. A dimensión sensibilizadora da iniciativa materialízase tamén en charlas que imparten á volta para dar a coñecer as desigualdades que existen e a utilidade da cooperación para superalas.