Un Nadal solidario e sostible

Un Nadal solidario e sostible

Un Nadal solidario e sostible 1500 1035 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O 20 de decembro conmemórase o Día Internacional da Solidariedade Humana, coincidindo precisamente coas celebracións de Nadal, unhas datas nas que se adoita intensificar o emprego desta palabra. Moitas son as actividades solidarias, desde concertos ata partidos, que entidades a administracións locais organizamos nesta época. No entanto, son tamén días dun consumo exacerbado, polo que desde o Concello de Bueu e desde o Fondo Galego de Cooperación, rede da que formamos parte, queremos que o Nadal sexa tamén sustentable.

No eido municipal xa a adoptamos medidas, apostando pola confección de adornos con materiais de reciclaxe, clases de cociña de aproveitamento ou obradoiros para celebrar as festas sen prexudicar o medio. De feito, o goberno local xa asumiu como liña estratéxica no inicio da lexislatura a loita contra o cambio climático, que se está a traducir na colocación de luminarias LED ou na realización dun estudo para reducir as emisións de CO2, no marco do Pacto dos Alcaldes Polo Clima e a Enerxía (PACE). Axiña se aprobará ademais un plan de actuación para previr incendios, obxectivo para o que tamén se levou a cabo unha campaña informativa sobre a xestión da biomasa e a necesidade de manter limpas as franxas de seguridade. A instalación e reparto de composteiros é outra das iniciativas levadas a cabo.

Todas estas medidas repercuten no coidado ambiental, unha das principais liñas de acción recollidas nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible aprobados pola ONU e aos que o Concello de Bueu quere contribuír, tal e como demostra a singular árbore de Nadal instalada no Centro Social do Mar configurada por estas 17 metas que deben acadarse en 2030. En concreto, o ODS 15 chama a “xestionar de maneira sustentable os bosques, loitar contra a desertización, deter e inverter a degradación das terras e frear a perda da biodiversidade”, pois a vida dos ecosistemas terrestres é fundamental para afrontar a crise climática, un reto que vén de ser abordado no recente Cumio do Clima celebrado en Madrid.

Desde os distintos niveis de goberno, cómpre velar pola conservación, recuperación e emprego sostible das fragas, mesmo actuando contra a caza furtiva e o tráfico de especies protexidas. A deforestación e a desertización, tanto dos terreos agrícolas como dos montes, avanzan a nivel mundial debido á actividade humana, que propicia tamén a expansión de especies invasoras. En todo o planeta, arredor de 1.600 millóns de persoas dependen dos bosques para subsistir, que son tamén fonte de alimento, refuxio e mesmo de benestar mental e de medicinas.

A degradación da terra e a perda de biodiversidade están directamente relacionadas cos índices de pobreza, de aí que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, no que se integra o Concello de Bueu canda outras 99 administracións locais e provinciais, teña apoiado nos seus 22 anos de andaina diversos proxectos desta índole en Ecuador, Nicaragua, Cabo Verde ou El Salvador. Plantacións forestais, agricultura ecolóxica, xestión do lixo e educación ambiental foron algunhas das áreas abordadas. Tamén a conservación de espazos naturais, pois a protección das zonas sensibles é outra das accións que contribúe a garantir un desenvolvemento sustentable, tal e como acontece aquí coa Rede Natura 2000 ou o Parque Nacional das Illas Atlánticas. No ámbito doméstico, separar os residuos, consumir alimentos de proximidade, empregar a enerxía de xeito eficiente e reducir o noso consumo son algunhas das pautas que podemos aplicar, neste Nadal solidario e sostible, e todos os días do ano.

Macu Rodríguez
Concelleira de Benestar Social de Bueu.
*Artigo de opinión publicado en Praza Pública con motivo do Día da Paz

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información