O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade celebra o vindeiro 30 de novembro 15 anos de compromiso cos Dereitos Humanos cun gran evento en Santiago de Compostela. O edificio Cersia, situado en San Lázaro, acollerá a partir das 12.30 horas un acto conducido pola actriz Mariana Carballal. Previamente, desde as 9 da mañá, desenvolveranse as VII Xornadas de Cooperación: 15 anos comprometéndonos coa solidariedade.
Expertas e expertos de Galicia e internacionais compartirán mesa para analizar a cooperación municipalista no mundo e a situación do sistema galego de cooperación diante da crise, en senllos debates moderados polos xornalistas Tino Santiago e Natalia Puga. Tras un café de comercio xusto, iniciarase a gala de conmemoración do 15º aniversario do Fondo Galego.
No transcurso do evento, entregaranse os premios do concurso fotográfico 'Imaxes con Fondo', nas categorías xuvenil e adulta, e presentarase o documental sobre o Fondo Galego de Cooperación elaborado por voluntariado da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso). A compañía A Tropa de Trapo tamén participará cos seus contos da conmemoración.
O acto, con entrada libre e de balde, deparará aínda outras sorpresas para culminar as actividades conmemorativas que arrincaron en xaneiro coa publicación do libro '15 anos de andaina, a rede solidaria do municipalismo galego'. Para confirmar asistencia, prégase contactar coa Secretaría Técnica, que exerce o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), no correo comunicacion@fondogalego.org ou nos teléfonos 698 156 127 e 698 144 536.
Consulta e difunde os materiais das Xornadas: