Un cento de mulleres sementan futuro en El Salvador con Medicusmundi e o Fondo Galego

Un cento de mulleres sementan futuro en El Salvador con Medicusmundi e o Fondo Galego

Un cento de mulleres sementan futuro en El Salvador con Medicusmundi e o Fondo Galego 1600 900 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

‘Mulleres sementando futuro’ é o revelador título do proxecto financiado con 15.000 euros polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade á ONGD Medicusmundi Norte en El Salvador. O obxectivo é impulsar a soberanía alimentaria e o liderado feminino en dúas comunidades do distrito de El Paisnal, pertencente ao municipio de San Salvador Norte, facilitándolles formación ás cabezas de familia.

Un cento de mulleres rurais propietarias de terras están a asistir aos obradoiros, que abordan desde a produción agroecolóxica ata a igualdade de xénero. Búscase así favorecer a súa autonomía económica e a súa participación na vida pública. A fin de fomentar a corresponsabilidade, tamén se traballa con 50 homes dos seus núcleos familiares en temáticas como novas masculinidades, dereitos humanos ou medio ambiente.

“As mulleres estamos a aprender sobre os nosos dereitos, sobre unha alimentación sa, sobre como sementar de maneira ecolóxica…”, explica Isabel Orellana, unha das participantes no programa. “Temos asegurado o alimento para este ano, pois xa sementamos a milpa”, comenta, en referencia ao sistema de policultivo tradicional, e engade que “o millo é unha grande achega á nosa cesta básica, ao igual que os produtos da horta”.

Nas comunidades de El Chaparral e de San Francisco Dos Cerros, nas que se leva a cabo o proxecto, a media mensual de ingresos é duns 70 euros por fogar. Con esta iniciativa, preténdese mellorar a produción e diversificar os cultivos, co fin non só de garantir o autoabastecemento, senón tamén de dedicar entre un 10% e un 20% á comercialización para contar así con recursos adicionais. Neste senso, estanse sementar parcelas de 1.000 m2 con tomate, chile, iuca, millo ou feixón, alén de facilitar outros equipamentos esenciais.

As comunidades organízanse en asociacións de desenvolvemento comunal, que tamén están a ser fortalecidas. Deste xeito, veñen de elaborar documentos con demandas e propostas dirixidas ao goberno municipal, amais de redactar a súa propia planificación anual. Teñen previsto asemade asistir aos plenos, organizar foros de debate e conmemorar efemérides reivindicativas como o Día Contra a Violencia de Xénero.

A Asociación Fundación para la Cooperación y el Desarrollo Comunal de El Salvador (CORDES), cunha ampla experiencia, é encargada de acompañar as accións sobre o terreo para que estas comunidades sexan máis equitativas e resilientes, contribuíndo a acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Concretamente, o ODS 2: Pórlle fin á fame, e o ODS 5: Lograr a igualdade entre os xéneros e empoderar a todas as mulleres e nenas.

Back to top
Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
Máis información