Tres técnicos municipais de Mozambique pasarán as próximas dúas semanas intercambiando experiencias con persoal de catro concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. No marco do proxecto de apoio á sustentabilidade económica dos municipios de Manhiça e Namaacha, cofinanciado pola Agencia Española de Cooperación Internacional al Desarrollo (AECID), a delegación mozambicana visita desde hoxe Cuntis, Coristanco, Pontedeume, Monforte de Lemos e a Deputación de Pontevedra para coñecer os seus sistemas de xestión financeira e tirar aprendizaxes que poidan aplicar ao seu regreso. Tamén se reunirán coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
Onofre Muianga, coordinador do Departamento de Finanzas Públicas Municipais na Asociación Nacional de Municipios de Mozambique (ANAMM); Plácido Sitoe, técnico de contabilidade de Namaacha, e Bento Macamo, técnico de planificación de Manhiça, traballarán cos seus homólogos nos concellos galegos para saber como xestionan estas áreas e profundar, concretamente, na recadación de taxas e impostos locais. Adquirirán, deste xeito, unha formación fiscal que permitirá reforzar as capacidades dos municipios mozambicanos e, polo tanto, mellorar a gobernanza local e os servizos públicos ofrecidos á cidadanía.
Este proxecto de cooperación técnica prolongarase ata 2027, cando concluirá coa elaboración dunha serie de ordenanzas municipais que garantan unha recadación xusta e sensible ao xénero. O proceso, apoiado pola AECID a través da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad, contribuirá asemade a impulsar o proceso de descentralización administrativa e, polo tanto, á consolidación da democracia, en liña co ODS 16: Xustiza, paz e institucións sólidas.