Tres novos murais promoven na A Coruña os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible

Tres novos murais promoven na A Coruña os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible

Tres novos murais promoven na A Coruña os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 1005 802 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Tres novas obras fomentarán a reflexión sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU no CEIP Concepción Arenal tras gañar o IV Certame de murais arredor dos ODS ‘Muros que unen’, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade co financiamento do Concello da Coruña. As propostas do colectivo Paisajistas, ‘Avión’ e Carmen Seijas resultaron ser as que mellor ilustran os ODS 3, 4 e 5, que promoven a saúde e o benestar, a educación de calidade e a igualdade de xénero.

Así o decidiu o xurado, integrado polos artistas Delio Rodríguez, Doa Ocampo e Joaquim Orriols ‘Riaq Miuq’, vencedores da anterior edición do concurso, canda unha representante do Fondo Galego e outra do Concello. Ao certame presentáronse 33 muralistas -en catro casos ían en grupo-, dos que 14 eran mulleres, e recibíronse un total de 34 bosquexos. As tres obras seleccionadas faranse realidade do 1 ao 5 de setembro no patio infantil do centro educativo, con 25 metros de lonxitude.

A proposta ‘Calma’, do colectivo vigués Paisajistas, resultou escollida para representar o ODS3: garantir unha vida sa e promover o benestar para todas as persoas en todas as idades. O xurado valorou a capacidade da obra para evocar este último aspecto a través dunha representación que transmite esa sensación de sosego tanto a través de trazos sinxelos como da selección de cores, ao tempo que revela un estilo propio e recoñecible. Mediante esta síntese pictórica, orientada cara a abstracción, os autores buscan convidar á contemplación e reflexión, transmitindo unha paz que nos protexe do constante bombardeo de imaxes e da sobreexposición diaria ás redes sociais, que afectan á vida e a saúde.

O tamén vigués Miguel Méndez, alias ‘Avión’, vai ilustrar con ‘Uns bos cimentos non teñen prezo’ o ODS4: garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todas as persoas. O bosquexo pivota sobre a idea de que unha sociedade que desexe progresar precisa dunha formación deste tipo, que ademais debe ser a un tempo pragmática e sensible coas diferentes realidades. A través dunha técnica limpa e monocroma, a proposta combina o impacto visual coa transmisión dunha mensaxe clara que ten en conta a multidimensionalidade dunha educación sólida, que permite avanzar aos seres humanos e ás sociedades.

‘O círculo’, da betanceira Carmen Seijas, foi o deseño seleccionado para simbolizar o ODS5: lograr a igualdade entre os xéneros e empoderar a todas as mulleres e nenas. A obra fai referencia aos círculos de mulleres, espazos de encontro seguros e non xerárquicos onde conectar unhas coas outras e con elas mesmas. Están dirixidos a mulleres de diferentes idades, culturas e grupos sociais, a fin de abordar temáticas e explorar as emocións con liberdade, tomando a feminidade como punto de partida. Amais do contido, os membros do xurado tiveron en conta a harmonía que transmite a composición e o debuxo a unha cor.

Os xurado quixo salientar asemade a complementariedade dos traballos seleccionados, así como o feito de que a súa autoría sexa tanto de artistas homes como mulleres. A través dos tres murais, premiados con 2.000 euros cada un, emprégase a arte urbana para difundir os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados polos Estados membros da ONU a finais de 2015 para erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade da poboación no horizonte de 2030. A fin de fomentar tamén o pensamento crítico e a participación cidadá na construción de cidades inclusivas, ‘Muros que unen’ encádrase no convenio asinado entre o Fondo Galego e o Concello da Coruña, que destina así 20.000 euros á realización de actividades de sensibilización fronte as desigualdades.

Back to top
Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
Máis información