– O programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo está dirixido ao persoal das administracións locais e provinciais socias da entidade.
Técnicas municipais de Ourense, Malpica de Bergantiños e Soutomaior viaxan esta semana a Nicaragua e Cabo Verde para colaborar con parceiros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Os tres municipios son socios da entidade e, polo tanto, os seus empregados e empregadas poden participar en Vacacións con Traballo, o programa de voluntariado internacional que promove o intercambio de experiencias e o coñecemento directo da realidade dos países do Sur.
A ourensá Lucía González, técnica da Concellería de Termalismo, apoiará a partir deste xoves 27 de setembro o proxecto de desenvolvemento turístico impulsado polo Instituto de Promoción Humana (Inprhu-Somoto). Traballando con esta ONG nicaraguana, integrarase en actividades coma a formación de guías, o ecoalbergue, as feiras artesanais ou as noites culturais. Terá ademais ocasión de supervisar os últimos proxectos de habitabilidade para a poboación indíxena cofinanciados polo Fondo Galego.
Cristina Vázquez, arquitecta municipal de Soutomaior, e mais Cristina Santos, traballadora da Concellería de Servizos Sociais de Malpica, desprazaranse o vindeiro sábado día 29 a Cabo Verde. A primeira colaborará coa Cámara de Ribeira Grande na elaboración dos plans de desenvolvemento urbano dos núcleos do concello. A segunda incorporarase ao gabinete de apoio á muller da Cámara Municipal de Paúl. Este gabinete encádrase no plan municipal para a igualdade e a equidade de xénero, instrumento elaborado co apoio do Fondo Galego de Cooperación. Cristina Santos participará en obradoiros coas mulleres e mesmo en programas de radio, e visitará tamén outras actuacións subvencionadas pola entidade.
Un total de 23 persoas enviaron este ano a súa candidatura para participar en Vacacións con Traballo, das que resultaron seleccionadas as tres técnicas mencionadas e mais arquitecta Rosa Teira, da Oficina Municipal de Rehabilitación de Monforte, que previsiblemente se desprazará á Santiago de Cuba para colaborar coa Oficina do Conservador. Durante o mes que pasan en terreo, as seleccionadas xestionan un blog que contribúe a sensibilizar sobre as desigualdades Norte-Sur e os valores solidarios, e á volta recollen as súas vivencias nunha publicación. O programa Vacacións con Traballo inclúese no Plan de Sensibilización do Fondo Galego para 2012, que está cofinanciado pola Xunta de Galicia.