Despois de doce anos enviando a persoal dos concellos socios a colaborar cos parceiros no Sur, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén de darlle a volta ao programa Vacacións con Traballo e agora son dúas técnicas municipais de Cabo Verde e Mozambique as que viaxan a Galicia para intercambiar experiencias ao longo do mes de outubro. Saneamento, medio ambiente, planificación urbanística e estradas son algunhas das áreas nas que as profesionais están interesadas en formarse.
Paula Pina, directora de gabinete de Saneamento, Medio Ambiente e Seguridade Urbana da Cámara Municipal de Santa Cruz, no arquipélago africano, áchase estes días visitando diferentes fincas da Deputación de Pontevedra. Antes do día 24 percorrerá A Guarda, San Sadurniño e Burela, onde terá a oportunidade de comprobar o funcionamento de depuradoras, pozos de bombeo, punto limpo, servizo de xardinería, etc. A funcionaria pretende así "coñecer a vosa experiencia e amosarvos a nosa nestas áreas", a fin de tirar aprendizaxes mutuas.
En instalacións semellantes ten interese Ailina da Marta, topógrafa da vila mozambicana de Mandlakazi que pasará tamén pola Deputación de Pontevedra e polos concellos de Tomiño, Valga, O Barco, Moaña e Narón. A súa axenda, que se prolonga ata o 1 de novembro, inclúe a fiscalización de obras, revisión de PXOM, servizo de mobilidade ou manexo de programas informáticos. "Agardo que coa miña estadía no programa Vacacións con Traballo en Galicia poida apañar experiencias doutros municipios nos eidos mencionados e achegar a maior contribución á vila de Mandlakazi grazas aos coñecementos adquiridos", expresaba a técnica.
As dúas profesionais coinciden en destacar as melloras que nos últimos anos se teñen dado nos seus concellos en materia urbanística, de limpeza ou alumeado público, pero apuntan que aínda queda moito por facer dada a carencia de recursos económicos, equipamentos e formación. A través deste programa de cooperación técnica, búscase contribuír a reforzar as capacidades dos municipios de países empobrecidos, ao tempo que se pon en valor a multiculturalidade e se sensibiliza fronte as desigualdades Norte-Sur, para o que as convidadas tamén impartirán charlas.