Técnicas municipais de Brión e Nigrán apoian o desenvolvemento local en Cabo Verde

Técnicas municipais de Brión e Nigrán apoian o desenvolvemento local en Cabo Verde

Técnicas municipais de Brión e Nigrán apoian o desenvolvemento local en Cabo Verde 1920 1280 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Dúas técnicas dos concellos de Brión e Nigrán desprazaranse o vindeiro luns a Cabo Verde para colaborar durante tres semanas co Municipio do Tarrafal a través do programa Especialistas en Cooperar, impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Ademais, persoal municipal de Lugo e Tomiño viaxará en 2025 a Mozambique para apoiar a xestión financeira de dous concellos.

O labor de Lola Landeira, axente de emprego e desenvolvemento local do Concello de Brión, e de Carla Pérez, xefa de brigada de incendios no Concello de Nigrán, estará encamiñado a promover un desenvolvemento económico local sustentable e participativo no Tarrafal, municipio duns 17.000 habitantes situado na Illa de Santiago. Trátase dun proxecto a catro anos que, nesta primeira fase, se centrará na identificación dos recursos agrícolas e ambientais, de aí que as tarefas a realizar pasen por analizar necesidades e potencialidades, impartir capacitacións ou elaborar recomendacións, tendo en conta o enfoque de xénero.

Lola Landeira agarda “achegar a experiencia de 25 anos traballando no desenvolvemento local en concellos rurais, polo tanto moi vinculada á agricultura e ás mulleres”. “Estou convencida de que esta experiencia me vai aportar novas perspectivas que me poden axudar no meu traballo como responsable de desenvolvemento local”, engade. A esta aprendizaxe mutua refírese tamén Carla Pérez, que foi seleccionada en calidade de técnica agrícola, pois decidiu presentar a súa candidatura para “poder traballar nunha realidade diferente con xente que vive noutro contexto, poder coñecer o que fan e como o fan, que precisan, que podo deixar e que me podo levar”. “Creo que é moi necesario saír da rutina”, conclúe.

Unha ducia de traballadoras e traballadores de nove concellos presentaron a súa candidatura para participar na terceira edición de Especialistas en Cooperar, tendo preferencia as administracións locais socias do Fondo Galego. Alén da formación e a experiencia, valorábase a vinculación co eido da cooperación e do desenvolvemento sostible. A iniciativa conta co financiamento da Agencia Española de Cooperación Internacional al Desarrollo (AECID), a través da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información