Técnicas municipais das catro provincias pasarán unhas Vacacións con Traballo en países do Sur

Técnicas municipais das catro provincias pasarán unhas Vacacións con Traballo en países do Sur

Técnicas municipais das catro provincias pasarán unhas Vacacións con Traballo en países do Sur 350 275 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Empregadas dos Concellos de Ourense, Malpica de Bergantiños, Monforte de Lemos e Soutomaior participarán este ano en Vacacións con Traballo. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén de resolver a convocatoria do seu programa de voluntariado internacional dirixido a persoal das Administracións socias, que este ano oferta prazas en Nicaragua, Cabo Verde e Cuba. Os resultados de participación, os máis altos das sete convocatorias realizadas, avalan o programa e abren liñas de traballo co conxunto das traballadoras e traballadores das administracións socias.

Un total de 22 candidatas e un candidato postuláronse nesta edición para colaborar durante un mes cos parceiros da entidade en países do Sur. As solicitudes chegaron da Deputación de Lugo e de 17 Concellos, sendo o de Pontevedra e o de Monforte de Lemos os máis activos, con tres propostas cada un, seguidos do da Coruña, con dúas. O comité avaliador destacou a dificultade da escolla, dado o alto nivel das aspirantes.

A técnica ourensá Lucía González, da Concellería de Termalismo, resultou seleccionada para a praza de Nicaragua. Alí achegará os seus coñecementos ao proxecto de desenvolvemento turístico liderado polo Instituto de Promoción Humana (Inprhu-Somoto). Doutra banda, a arquitecta Rosa Teira, da Oficina Municipal de Rehabilitación de Monforte, botará unha man na Oficina do Conservador de Santiago de Cuba, onde o Fondo Galego veu apoiando o Plan Mestre da cidade histórica, que é Patrimonio da Humanidade.

Lucía González, empregada do Concello de Ourense, colaborará co Inprhu en Nicaragua.Outra arquitecta municipal, Cristina Vázquez, do Concello de Soutomaior, viaxará a Cabo Verde para traballar na Cámara de Ribeira Grande. Ao arquipélago africano desprazarase tamén Cristina Santos, técnica da Concellería de Servizos Sociais de Malpica, concretamente para colaborar coa Cámara Municipal do Paúl en materia de Igualdade.

Canda o intercambio de experiencias, Vacacións con Traballo ten o obxectivo de concienciar sobre a realidade dos países empobrecidos, que se plasma tanto nos blogs que as participantes escriben desde terreo coma no caderno que publican á volta. Ao tempo, visibilízanse os proxectos de cooperación para o desenvolvemento que o Fondo Galego cofinancia no Sur. O programa encádrase no Plan de Sensibilización 2012 da entidade, cofinanciado pola Xunta de Galicia.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información