Taller de Solidariedade está a sensibilizar a través da exposición 'Chaves do cambio' sobre os efectos positivos que a cooperación internacional produce na vida das persoas dos países empobrecidos. A mostra encádrase no proxecto que a ONGD desenvolveu en Nicaragua co financiamento do Fondo Galego de Cooperación e co Inprhu-Somoto como parceiro local, cuxo obxectivo era impulsar o agroturismo de xeito que contribuíra a soster un Centro de Educación Alternativa Rural. Ata o 1 de febreiro pode verse no Hospital Universitario Lucus Augusti e logo amosarase noutras tres cidades.
Os paneis recollen os testemuños de Rosalina, Manuel, Douglas, Oneyda e os irmáns Ernesto e Héctor, que se atopan entre as 154 persoas indíxenas beneficiadas polo proxecto. Trátase de estudantes, artesáns e guías que posan sostendo a súa chave do cambio e explican como o seu día a día mellorou grazas á iniciativa apoiada desde Galicia. O fotógrafo José Manuel Fandiño, logroñés afincado no país centroamericano, é o autor destes retratos aos que se suman imaxes sobre o desenvolvemento do proxecto.
As chaves do coñecemento, a abundancia e a harmonía que estruturan a exposición representan os tres eixos da intervención, que valora o turismo sustentable como fonte de oportunidades, o desenvolvemento da produción agrícola para mellorar a situación económica das familias e a profesionalización da artesanía como forma de vida e expresión da indentidade chorotega. Para acadar estes obxectivos, leváronse a cabo actividades coma o equipamento da oficina de atención a visitantes, acondicionamento de cuartos, participación en feiras, formacións, intercambios de experiencias e accións de difusión.
No municipio de Totogalpa, o 85% da poboación é chorotega, etnia indíxena que loita por acadar o recoñecemento social e mellorar as súas condicións de vida. A gran maioría vive baixo o limiar da pobreza e, ante a falta de emprego e a dificultade de acceso aos servizos, moitos deciden emigrar. O aproveitamento sustentable dos atractivos turísticos naturais e culturais da zona poden contribuír a paliar esta situación.