A secretaria de Estado de Cooperación Internacional, Soraya Rodríguez, asegurou hoxe na primeira xornada do Encontro sobre a Cooperación Internacional en Galicia que é preciso dotarse de mecanismos innovadores de financiamento nun contexto de crise coma o actual.
En 2011, os orzamentos destinados á cooperación para o desenvolvemento teñen diminuído no ámbito estatal e na meirande parte das autonomías (en Galicia, un 21% respecto do 2010) e é por iso que se están a buscar novas estratexias de loita contra a pobreza. Neste sentido, a responsable de Cooperación do goberno español destacou a necesidade de “xerar cambios estruturais a través de reformas fiscais en países de renda media”; de loitar contra a evasión fiscal vinculada á Axuda Oficial ao Desenvolvemento e de “introducir impostos nas transaccións financeiras” para que os fondos recadados se invistan na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM). “Buscar financiamento innovador non é unha escusa: é unha necesidade”, asegurou Rodríguez.
En relación ao compromiso de destinar o 0,7% do PIB a axuda oficial ao desenvolvemento en 2012, Soraya Rodríguez afirmou que, cos datos económicos actuais, o goberno central non pode chegar ao 0,7 nese prazo. “Estamos aprobando orzamentos restritivos”, apuntou. Aínda que asegurou que o executivo español mantén o compromiso para o ano 2015.
Pola súa banda, Teresa Godoy, Responsable da área de Cooperación Descentralizada da Secretaría de Estado de Cooperación Internacional, falou do papel das axencias de cooperación autonómicas asegurando que “aportan flexibilidade, axilidade e capacidade de traballo” nos territorios onde xa están en funcionamento. Neste mesmo senso, o responsable da Axencia Estremeña de Cooperación Internacional, Juan Manuel Rodríguez Tabares, defendeu a necesidade de pór en marcha órganos específicos para a xestión dos fondos destinados á cooperación. O II Plan Director de Cooperación Galega ao Desenvolvemento 2010-2013 comprométese a “operativizar” unha Axencia de Cooperación Galega antes de que finalice a vixencia de dito plan.