O Concello de Silleda vén de incorporarse ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, rede na que máis de oitenta municipios e dúas deputacións concentran os seus esforzos a prol da cooperación internacional. Deste xeito, a vila contribuirá ao impulso de proxectos de desenvolvemento en países empobrecidos e mais á concienciación da veciñanza fronte as desigualdades a través de diversas actividades.
A adhesión de novas administracións locais é unha das prioridades das Liñas Estratéxicas 2016-2019 do Fondo Galego. O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, e a concelleira de Benestar Social, María Pilar Peón, que actuará de enlace coa entidade, destacaron que esta adhesión se enmarca nas actuacións municipais que teñen como denominador común a igualdade e a solidariedade. En función da súa poboación, ao municipio correspóndelle achegar unha cota anual de 738 euros, que serán reinvestidos tanto en accións de cooperación internacional como en actividades de sensibilización en Galicia.
A adhesión, acordada no Pleno do pasado mes de xuño, vén sumarse a outras accións desenvolvidas tanto dende o programa municipal Silleda Solidaria como en colaboración con outras entidades. "Por fin o Concello de Silleda pode sumarse, grazas á situación na que nos atopamos, a este tipo de iniciativas tan necesarias para contribuir ao desenvolvemento das zonas menos favorecidas", indica o alcalde, Manuel Cuiña que lembra "a aposta polas políticas sociais que ven demostrando o goberno municipal e que se amplia coa nosa integración no Fondo Galego de Cooperación".
Contacontos, exposicións, concertos, charlas ou obradoiros son algunhas das propostas ás que os concellos socios do Fondo Galego teñen acceso para promover a defensa dos dereitos humanos. En canto ás actuacións en países do Sur, na actualidade o Fondo Galego está a apoiar un proxecto a prol da saúde infantil e materna en Mozambique, a reconstrución dun centro sanitario danado polas inundacións do outono nos campamentos saharauís e a dotación informática dun concello prexudicado polo terremoto en Ecuador. A entidade tamén ten denunciado a situación das persoas refuxiadas nunha declaración institucional.