O fotoxornalista vigués Adrián Irago gañou en 2016 a terceira edición do certame Imaxes con Fondo, cuxo premio consistía nunha viaxe a Mozambique para retratar a realidade do país lusófono e os proxectos de cooperación internacional financiados polo Fondo Galego. Daquela experiencia xurdiu esta exposición, estreada tras a conmemoración do 70º aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.
Contido
A mostra ‘Dereitos Humanos en Mozambique: acompañando a mellora da saúde e a educación desde a cooperación municipalista’ ofrece unha panorámica das iniciativas de loita contra a pobreza apoiadas desde o ano 2001 no país africano en materia de educación, saúde ou abastecemento de auga. O obxectivo de Adrián Irago recolleu ademais intres da vida cotiá, actividades económicas, aspectos culturais, momentos de lecer, espazos naturais, etc.
Ficha técnica
5 cubos de catro caras cada un, de 1,20m x 1,98m. A estrutura é a base de barras metálicas, onde as máis longas se desmontan á súa vez en dúas partes. As fotos e os textos van impresos sobre lonas que se fixan ao aceiro cun velcro que xa levan incorporado.
- Cubo 1: Introdución na que se presenta a exposición e o seu autor, ao tempo que se ofrecen datos sobre Mozambique e sobre o traballo do Fondo Galego no país.
- Cubo 2: Dereito á educación. Céntrase no labor da Fundação Encontro e no proxecto financiado á ONGD Ecos do Sur para mellorar as condicións dunha escola.
- Cubo 3: Dereito á saúde. Repasa as iniciativas apoiadas neste eido para promover a educación sexual ou rehabilitar un centro de saúde da man de Arquitectura sen Fronteiras.
- Cubo 4: Dereito á auga. Recolle o proxecto co municipio de Nhamayábue para a construción de pequenos sistemas de abastecemento e evitar así o ataque dos crocodilos.
- Cubo 5: Ofrece información de contexto sobre o país, os desafíos que afronta e as súas potencialidades a nivel turístico, cultural, económico, etc.
Embalaxe:
- 5 caixas de cartón coas lonas de cada cubo enroscadas.
- 5 bolsas de loneta coas estruturas de cada cubo desmontadas.
Suxestión de actividades complementarias
Inauguración
Suxírese organizar un acto inaugural no que participe a/o representante política/o ou técnica/o do Fondo Galego no concello ou deputación, a modo de presentación ante a cidadanía e os colectivos sociais en xeral e aos medios de comunicación en particular. Desde a nosa Área de Comunicación facilitaremos modelos dos materiais necesarios: nota de prensa, cartelería, fotografías, etc.
Coloquios
Os concellos que acollan a exposición poden contactar con ONGD locais que poidan ofrecer charlas, proxeccións, obradoiros, etc. nas que se estableza un debate participativo para dar a coñecer a realidade da África lusófona, mesmo contando co testemuño de posibles veciñas/os migrantes.