Seminario internacional sobre educación para o desenvolvemento en Pontevedra

Seminario internacional sobre educación para o desenvolvemento en Pontevedra

Seminario internacional sobre educación para o desenvolvemento en Pontevedra 853 1200 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade achegará a súa experiencia a entidades de Portugal, Alemaña e Holanda que participarán en Pontevedra no Seminario Internacional 'Intercambios en metodoloxías e materiais de educación para o desenvolvemento'. O evento, que se encadra no proxecto europeo Redes para o Desenvolvemento II, celebrarase o martes 3 de maio en Pontevedra, na Sede Afundación, de 9.30 a 14 horas, e as inscricións poden realizarse xa en acorzo@igadi.org.

O Fondo Galego actuou como referente na promoción das redes de cooperación descentralizada durante a primeira fase do proxecto cofinanciado pola UE, que culminou coa creación da Rede Intermunicipal de Cooperação para o Desenvolvimento en Portugal e coa xeración en Alemaña dun tecido de municipios irmandados con localidades nicaraguanas. A asociación lusa amosará no seminario experiencias de éxito en educación para o desenvolvemento no ámbito municipal, canda o Consello Nacional para Parcerías das Cidades entre Países Baixos e Nicaragua (LBSNN)  e a ONGD alemá Fine+p.

O propio Fondo Galego explicará a continuación o seu modelo de xestión e o know how acumulado en educación para a cidadanía global, mentres que concellos socios da entidade contribuirán con exemplos de boas prácticas neste eido e de participantes nas Vacacións con Traballo, o programa de voluntariado en países do Sur dirixido a persoal da administración local. Está previsto asemade conectar por videoconferencia coa Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos e coa Rede Mozambicana de Mulleres Autarcas, para recoller as voces dos parceiros en terreo. No descanso de media mañá ofrecerase ademais un café de comercio xusto, amenizado coa actuación das caboverdianas Batuko Tabanka. O Concello de Pontevedra, pola súa banda, ofrecerá pola tarde unha visita guiada pola cidade ás persoas participantes.

O obxectivo de Redes para o Desenvolvemento II é fortalecer as autoridades locais europeas en accións de educación para o desenvolvemento, que contribúan a formar unha cidadanía crítica e comprometida coa xustiza social. As metas específicas pasan por capacitar as autoridades locais neste tipo de accións, promover boas prácticas e parcerías multiactor europeas e mais incorporar a participación cidadá nas políticas de cooperación.

PROGRAMA DO SEMINARIO INTERNACIONAL 'INTERCAMBIOS EN METODOLOXÍAS E MATERIAIS DE EDUCACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO'

9:30 Benvida
10:00 Experiencias de éxito en Educación para o Desenvolvemento no eido municipal

  • LBSNN (Holanda)
  • Fine+p (Alemaña)
  • Rede Intermunicipal de Cooperação para o Desenvolvimento (Portugal)

11:00 O modelo de xestión e a Educación para o Desenvolvemento no Fondo Galego
11:30 Café de comercio xusto e actuación de Batuko Tabanka
12:00 A experiencia das Vacacións con Traballo
12:30 Boas prácticas dos municipios galegos en Educación para o Desenvolvemento
13:00 Proxecto coa Rede Mozambicana de Mulleres Autarcas
13:30 Debate
14:00 Peche

*Haberá servizo de interpretación inglés-galego e galego-inglés

Programa
Cartaz

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información