O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade iniciou este ano a colaboración coa Rede Mozambicana de Mulleres Autarcas, cuxa presidenta, María Helena Correia, se entrevistou no mes de marzo con distintas alcaldesas dos nosos concellos socios. Froito desta parcería, rexedoras e concelleiras galegas desprazaranse agora a Mozambique co fin de participar nun workshop para intercambiar experiencias coas súas homólogas africanas. O encontro xirará arredor das dificultades que se atopan as políticas e as ferramentas para superalas, así coma o papel das mulleres como axentes de cambio no poder local ou o traballo municipal en xénero.
Este seminario terá lugar durante unha semana do mes de setembro, aínda por concretar, e poderán participar políticas de deputacións e concellos socios do Fondo Galego. A nosa entidade asumirá os custos de desprazamento, aloxamento, manutención e outros gastos asociados á viaxe a Mozambique de catro políticas do eido municipal, das que dúas serán integrantes da Comisión Executiva do Fondo Galego. Para as outras dúas prazas, lanzouse unha convocatoria aberta co fin de que as alcaldesas e concelleiras que así o desexen poidan manifestar ou seu interese en sumarse a esta iniciativa.
Ata o 10 de xuño prolongarase o prazo de envío das candidaturas no enderezo comunicacion@fondogalego.org, a onde as interesadas deberán remitir o curriculum vitae e unha memoria sobre as políticas de igualdade do seu concello/deputación. Entre os criterios de selección, valorarase que exerzan en administracións socias do Fondo Galego, preferentemente das provincias de Lugo e Ourense; que sexan a representante política do seu concello/deputación perante o Fondo Galego, que sexan as responsables de Igualdade ou teñan formación na materia, a promoción deste tipo de políticas por parte do seu concello/deputación, ou o compromiso de espallar a experiencia á súa volta.
En calquera caso, poderán participar nesta actividade todas as políticas de concellos e deputacións socias do Fondo Galego que non resulten seleccionadas, sempre e cando a súa entidade local, ou de xeito persoal, asuman os custos da viaxe e estadía en Mozambique para participar no seminario.