Promover a implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible no eido local é a finalidade dos ‘Intercambios Galicia-Portugal: os municipios a prol dos ODS’ que durante un mes se desenvolverán en seis vilas galegas. Os concellos de Ponteareas, Vilagarcía, Pontevedra, Guitiriz, As Pontes e Verín recibirán a cadansúa delegación de Amadora, Matosinhos, Faro, Seixal, Maia e mais Loures e Palmela, respectivamente, para coñecer exemplos de boas prácticas no marco da Axenda 2030 fixada pola ONU. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade organiza os encontros, co financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia.
Os Intercambios Galicia-Portugal arrincan hoxe en Ponteareas e rematarán o 5 de decembro en Verín, cunha duración de 2 días en cada concello, onde as sesións estarán dinamizadas por persoal especializado da ONGD lisboeta Instituto Marquês de Valle Flôr. Ademais de presentar o perfil de cada municipio, o galego e o portugués, e de revisar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, as xornadas de traballo permitirán profundar nas fases para a localización dos ODS, é dicir, para integralos nas políticas públicas locais. Sensibilización, adaptación, implementación e monitorización son as catro fases deste proceso, que permitirá definir as estratexias para que cada concello contribúa a facer realidade a Axenda 2030.
Cada un dos 17 ODS aprobados en 2015 polas Nacións Unidas estrutúrase en metas concretas, ata sumar un total de 169, que buscan erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todas as persoas nun prazo de quince anos. Estímase que o 65% destas metas só poderán acadarse cunha implicación directa dos gobernos rexionais e locais, que baixo esta nova ollada deberán revisar a formulación de políticas, mellorar a coordinación temática e sectorial e impulsar novas dinámicas de gobernanza.
A superación de moitos dos desafíos identificados nos ODS depende pois da administración municipal, que pola proximidade á cidadanía pode coñecer e dar resposta ás súas necesidades. Os ODS son tamén unha oportunidade para mobilizar e empoderar aos axentes locais arredor de aspiracións comúns e para guiar políticas máis integradas e coherentes, que promovan solucións locais a prol dun desenvolvemento máis inclusivo e sostible.