Os concellos da Estrada, Lugo, Ourense, Teo, Betanzos e Moaña acollerán entre o 28 e o 30 de marzo as xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria, conformada por persoal das administracións locais e provinciais integradas no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Nestes encontros, a Secretaría Técnica da entidade dá conta dos proxectos de desenvolvemento apoiados en países do Sur coas cotas que achegan as deputacións e concellos socios, ao tempo que informa das actividades que poden implementar en 2016 para concienciar fronte as desigualdades.
Todas as reunións darán comezo ás 10.30 horas e as técnicas e técnicos delegados do Fondo Galego poden escoller a cal acudir. A sesión abrirase cun repaso das novas Liñas Estratéxicas 2016-2019, que avogan pola incorporación de máis municipios a esta rede solidaria. Revisarase logo o Plan 2016 e as accións previstas nas áreas de fortalecemento, sensibilización, proxectos e comunicación. Exposicións, actuacións musicais, contacontos, charlas ou obradoiros de calceta son algunhas das actividades que os socios poden solicitar.
A iniciativa europea Redes para o Desenvolvemento ou o concurso Imaxes con Fondo son outras das actuacións sobre as que se informará, así coma do programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo, que será explicado por unha das participantes, ou do intercambio de experiencias que alcaldesas e concelleiras galegas levarán a cabo en Mozambique. No eido da cooperación internacional, amosaranse os resultados do proxecto a prol da saúde infantil e materna apoiado neste país lusófono e da achega para a reconstrución dun centro sanitario nos campamentos saharauís.
As xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria coa Secretaría do Fondo Galego de Cooperación celébranse cada seis meses co obxectivo de render contas e favorecer un contacto directo que garanta correcto funcionamento da asociación. O intercambio de ideas e opinións que se xera permite unha boa circulación da información, a comunicación e a transparencia, imprescindibles para realizar un traballo eficaz.