Sandra Lodi, Peri Helio e Alejandro Mosquera gañan o certame Muros que Unen V

Sandra Lodi, Peri Helio e Alejandro Mosquera gañan o certame Muros que Unen V

Sandra Lodi, Peri Helio e Alejandro Mosquera gañan o certame Muros que Unen V 2560 640 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Tres novas obras fomentarán a reflexión sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU no CEIP Sal Lence tras gañar o V Certame de murais arredor dos ODS ‘Muros que unen’, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade co financiamento do Concello da Coruña. As propostas de Sandra Lodi, Peri Helio e Alejandro Mosquera resultaron ser as que mellor ilustran os ODS 8, 9 e 10, que promoven o crecemento inclusivo, a innovación ou a redución das desigualdades.

Así o decidiu o xurado, integrado polas artistas Julia Lago, Carmen Seijas e Miguel Méndez ‘Avión’, que venceron en anteriores edicións do concurso, canda unha representante do Fondo Galego e outra do Concello. Ao certame presentáronse 33 artistas, dos que 14 eran mulleres, e recibíronse un total de 44 bosquexos, batendo todos os récords destas cinco edicións. As tres obras seleccionadas faranse realidade a partir de hoxe no patio do centro educativo, con 38 metros de lonxitude.

ODS8: No mesmo equipo

ODS8: No mesmo equipo

A proposta ‘No mesmo equipo’, da compostelá Sandra Lodi, resultou escollida para representar o ODS 8: promover un crecemento económico sostido, inclusivo e sustentable, o emprego pleno e produtivo e o traballo decente para todas e todos. O xurado valorou a capacidade para evocar estes aspectos a través dunha bicicleta na que pedalean profesionais e persoas diversas, facéndoa avanzar grazas a un esforzo común que vela pola protección da xente e do medio. Con trazos sinxelos e cores vivas, transmítese a mensaxe pensando tamén no público obxectivo da obra e facilitando unha lectura baseada na educación en valores.

ODS9: Postindustria

ODS9: Postindustria

O vigués Peri Helio vai ilustrar con ‘Postindustria’ o ODS 9: construír infraestruturas resilientes, promover a industrialización inclusiva e sustentable e fomentar a innovación. O bosquexo pivota sobre a necesidade de reconverter as fábricas para que sexan sustentables, de aí que se propoña unha simbiose entre natureza e industria a través dunha escena fantástica e futurista pensada para facer reflexionar ás nenas e nenos. A orixinalidade do debuxo e a paleta de cores escollida reforzan o contido dunha paisaxe visualmente atractiva.

ODS10: A grande aperta

ODS10: A grande aperta

‘A grande aperta’, do coruñés Alejandro Mosquera, foi o deseño seleccionado para simbolizar o ODS 10: reducir a desigualdade en e entre os países. A obra presenta unha composición harmónica con cinco mulleres que levan o seu mundo na cabeza, en referencia a un oficio tradicional galego pero tamén a diferentes culturas que se unen para promover a igualdade de oportunidades. Con cores variadas pero cun estilo propio e recoñecible, apóstase por compartir e colaborar para acadar esa sociedade xusta que simboliza o fondo.

Os xurado quixo salientar asemade a diversidade dos traballos seleccionados, así como o feito de que a súa autoría sexa tanto de artistas homes como mulleres. A través dos tres murais, premiados con 2.000 euros cada un, emprégase a arte urbana para difundir os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados polos Estados membros da ONU a finais de 2015 para erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade da poboación no horizonte de 2030. A fin de fomentar tamén o pensamento crítico e a participación cidadá na construción de cidades inclusivas, ‘Muros que unen’ encádrase no convenio asinado entre o Fondo Galego e o Concello da Coruña, que destina así 20.000 euros á realización de actividades de sensibilización fronte as desigualdades.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información