‘Riaq Miuq’, Delio Rodríguez e Doa Ocampo gañan o certame ‘Muros que unen III’

‘Riaq Miuq’, Delio Rodríguez e Doa Ocampo gañan o certame ‘Muros que unen III’

‘Riaq Miuq’, Delio Rodríguez e Doa Ocampo gañan o certame ‘Muros que unen III’ 1280 872 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Tres artistas fomentarán a reflexión sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU pintando a fachada do Polideportivo de Labañou tras gañar o III Certame de murais arredor dos ODS ‘Muros que unen’, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade co financiamento do Concello da Coruña. As propostas de ‘Riaq Miuq’, Delio Rodríguez e Doa Ocampo resultaron ser as que mellor ilustraban os ODS número 2, 6 e 7, que promoven, respectivamente, a loita contra a fame, o acceso á auga e as enerxías limpas.

Así o decidiu o xurado, integrado polos artistas Miguel Cajaraville, Julia Lago e Marcos Fernández ‘Maz’, vencedores da anterior edición do concurso, canda unha representante do Fondo Galego e outra do Concello. Ao certame presentáronse 29 candidaturas de 34 artistas -en cinco casos ían a dúo-, dos que 10 eran mulleres. Recibíronse un total de 41 bosquexos, batendo todos os récords destas tres edicións. Os tres seleccionados faranse realidade a partir do vindeiro luns no frontal do pavillón, con 22 metros de lonxitude.

A obra ‘Sementar, sachar e colleitar’, de Joaquim Orriols, alias ‘Riaq Miuq’, resultou escollida para representar o ODS2: pór fin á fame, lograr a seguridade alimentaria e a mellora da nutrición e promover a agricultura sustentable. O xurado valorou a capacidade da proposta para escenificar este último aspecto, así como o singular estilo propio que amosa o autor, tanto nos seus recoñecibles trazos como no emprego da monocromía en azul. O artista catalán, afincado en Betanzos, baséase nos principios do cultivo tradicional para facer fincapé no coidado das persoas e da terra, como elementos inseparables para un benestar común.

O vigués Delio Rodríguez, residente en Boqueixón, vai ilustrar con ‘Auga en botella’ o ODS6: garantir a dispoñibilidade de auga e a súa xestión sustentable e o saneamento para toda a poboación. O bosquexo remítenos á necesidade de facer fronte á escaseza do líquido elemento e posibilitar o acceso tanto agora como para as futuras xeracións, entre outras medidas protexendo os ecosistemas. A través dun minucioso debuxo, a obra lévanos a un futuro distópico cunha mensaxe que impacta visualmente. O autor busca deste xeito trasladar unha crítica sobre o desmedido consumo dos recursos naturais que se está a producir.

Rodearse da natureza’, de Doa Ocampo, foi o deseño seleccionado para simbolizar o ODS7: garantir o acceso a unha enerxía alcanzable, segura, sustentable e moderna para toda a poboación. A artista de Sober reinterpreta a dispoñibilidade de enerxía non contaminante simbolizándoa nas plantas, fonte enerxética esencial para a vida. Amais da execución técnica, os membros do xurado tiveron en conta a capacidade evocadora da obra, que mesmo é quen de situar ao espectador no banco baleiro que se coloca no centro.  Para a autora, trátase dunha escena que presenta o lugar onde estar o ser humano, convivindo en harmonía coa natureza como fonte de enerxía e de vida.

O xurado quixo salientar ademais a diversidade dos traballos seleccionados, que ofrecen gran variedade de estilos e cores e que están asinados tanto por homes como por mulleres. A través dos tres murais, premiados con 2.000 euros cada un, emprégase a arte urbana para difundir os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados polos Estados membros da ONU a finais de 2015 para erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade da poboación no horizonte de 2030. A fin de fomentar tamén o pensamento crítico e a participación cidadá na construción de cidades inclusivas, ‘Muros que unen’ encádrase no convenio asinado entre o Fondo Galego e o Concello da Coruña, que destina así 20.000 euros á realización de actividades de sensibilización fronte as desigualdades.

Back to top
Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
Máis información