Fica dispoñible na canle do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en Youtube un novo vídeo sobre as clases maxistrais de fotografía social que Gabriel Tizón está a impartir en nove concellos socios da entidade. O recoñecido fotógrafo, con experiencia en catro continentes, fala neste resumo audiovisual sobre o seu oficio e sobre os obxectivos das charlas que ofrece baixo o título 'Compromiso coa mirada'.
Tizón anima asemade a participar no certame fotográfico Imaxes con Fondo 2014, do que foi xurado na primeira edición, que busca promover a reflexión para xerar condutas solidarias e respectuosas na cidadanía. O prazo para a presentación de obras ao concurso permanecerá aberto ata o 15 de novembro. Unha viaxe a Nicaragua e unha cámara réflex son os principais premios nas categorías adulta e xuvenil.
Este vídeo, no que tamén se amosan algúns traballos de Gabriel Tizón, parte da entrevista realizada ao fotógrafo tras a estrea das master class, que tivo lugar o 21 de maio no Concello da Coruña, concretamente no Centro Cívico dos Mallos. A segunda charla realizaríase ao día seguinte en Ferrol, mentres que a terceira desenvolverase o vindeiro mércores 16 de xullo na Casa da Xuventude de Lugo, ás 19 horas, con inscrición de balde. A actividade pasará tamén por Vilagarcía de Arousa, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo e Oleiros.
Doutra banda, o Fondo Galego promove ademais sete obradoiros de fotografía social a cargo do fotoxornalista Rober Amado, gañador de Imaxes con Fondo 2012 e do premio Tiflos da ONCE. Esta proposta, destinada principalmente a centros educativos, xa se desenvolveu en Tomiño e Poio, mentres que nas próximas semanas chegará a Redondela, Cabanas, Sandiás, A Pobra de Trives e Burela. As datas, lugares e horarios concretos iranse publicando na axenda.