Rematan en Cabo Verde as asistencias técnicas do programa Especialistas en Cooperar

Rematan en Cabo Verde as asistencias técnicas do programa Especialistas en Cooperar

Rematan en Cabo Verde as asistencias técnicas do programa Especialistas en Cooperar 1535 1252 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

As dúas traballadoras municipais de Brión e Nigrán que ao longo deste mes achegaron a súa asistencia técnica en Cabo Verde culminan esta semana a súa experiencia no programa Especialistas en Cooperar, impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e financiado pola Agencia Española de Cooperación Internacional al Desarrollo. O presidente do Fondo Galego e alcalde nigranés, Juan González, atópase tamén no arquipélago africano para afianzar as relacións de colaboración cos municipios caboverdianos e coa propia AECID.

Rematan en Cabo Verde as asistencias técnicas do programa Especialistas en CooperarNas últimas tres semanas, a axente de emprego e desenvolvemento local do Concello de Brión, Lola Landeira, e a xefa de brigada de incendios nigranesa, Carla Pérez, percorreron o Municipio do Tarrafal para identificar tanto as necesidades como as potencialidades que presenta. Neste senso, entrevistáronse con organizacións de mulleres, comunidades mariñeiras, asociacións agrícolas, veciñas emprendedoras, etc. a fin de elaborar unha diagnose inicial, que será o punto de partida dun programa a catro anos para promover o desenvolvemento económico local sustentable e participativo do concello.

“Foi unha experiencia moi positiva na que puidemos coñecer de primeira man a realidade do territorio”, comenta Lola Landeira, para quen “a grande dificultade é a escaseza de auga”. “Solventando este problema, Tarrafal ten moitas posibilidades no eido da agricultura, a pesca e o turismo”, precisa, e apunta que “coas mulleres se poden impulsar pequenos negocios e tamén outros máis grandes relacionados coa transformación do produto local”.

“O fundamental é proporcionarlles ferramentas ás persoas para que poidan emprender, mellorando a súa calidade de vida e favorecendo a actividade agropecuaria para fixar a poboación e que non teñan que emigrar”, en palabras de Carla Pérez, que tamén se amosou “moi satisfeita da experiencia, da aprendizaxe e de poder coñecer as dificultades da veciñanza, principalmente ligadas á falta de auga e formación”.

Rematan en Cabo Verde as asistencias técnicas do programa Especialistas en CooperarO presidente do Fondo Galego acompañou esta semana ás dúas técnicas na supervisión dos puntos máis estratéxicos para establecer futuros proxectos de cooperación internacional, logo de ser recibido na Câmara Municipal do Tarrafal, co presidente José dos Reis á fronte. Juan González visitou asemade o Municipio de São Miguel da man do seu rexedor e presidente da Asociación Nacional de Municipios de Cabo Verde.

O alcalde de Nigrán reuniuse tamén esta mañá coa coordinadora da AECID no país lusófono, Patricia Ramos, que valorou positivamente os resultados do programa Especialistas en Cooperar, apoiado pola axencia a través da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad. Ademais de impulsar esta ferramenta de cooperación técnica, Ramos apostou por estreitar a coordinación co Fondo Galego en futuros proxectos sobre o terreo. Pola súa parte, González ratificou que tanto nesta como nas demais xuntanzas institucionais “quedou patente a disposición a seguir colaborando para promover o desenvolvemento dos concellos caboverdianos”.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información