Remata o proxecto do Fondo Galego e InteRed a prol da igualdade de xénero en Guatemala

Remata o proxecto do Fondo Galego e InteRed a prol da igualdade de xénero en Guatemala

Remata o proxecto do Fondo Galego e InteRed a prol da igualdade de xénero en Guatemala 1199 780 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

A igualdade de xénero non só é un enfoque transversal nas accións emprendidas polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, senón que en moitas das iniciativas apoiadas nos países empobrecidos constitúe ademais o seu eixo central. Así aconteceu co proxecto financiado á ONGD InteRed que vén de rematar en Guatemala co obxectivo de promover o dereito de crianzas e xente nova, especialmente mulleres, a unha educación integral en sexualidade e a unha vida libre de violencias, do que facemos balance coincidindo co Día Internacional das Mulleres.

Entre as actividades que se levaron a cabo en centros educativos do municipio de Chinautla, implementadas sobre o terreo pola Fundación Pedro Poveda, destacan os obradoiros que se levaron a cabo con 50 docentes, que logo os replicaron co seu alumnado. “Axudoume a perder a vergoña de falar sobre temas sexuais coas e cos estudantes”, valoraba un profesor ao remate. “Aprendín a trasladar estas cuestións as mozas e mozos, e saíron cousas que nos partiron a alma“, comentaba outra das mestras. E é que os obradoiros serviron ademais para sacar á luz casos de agresión sexual sufridas tanto por alumnado como por profesoras, tal e como indicaba outra das participantes: “Permitiume falar sobre experiencias vividas que gardaba e iso foi bo, porque cheguei á conclusión de que como muller teño plena liberdade de negarme a facer cousas que non desexo”.

Acadar ese empoderamento era precisamente unha das finalidades deste proxecto de cooperación internacional a prol dunha educación afectiva e sexual saudable, que o Fondo Galego cofinanciou con 49.861 euros e que incorporou ademais outras actividades como encontros de voluntariado, xornadas contra a violencia machista, cursos de informática, cinefórums, etc. Traballouse asemade coa dirección dos centros, coas familias, coas institucións -especialmente co municipio-, con outras organizacións e co propio persoal da Fundación Pedro Poveda, para involucralas na prevención da violencia contra as mulleres e no establecemento de relacións de xénero equitativas.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información