A Tropa de Trapo levou cos seus contos valores como a liberdade, o respecto e a igualdade a dez concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A entidade priorizou este ano as zonas rurais e desde o mes de xuño máis de 800 persoas gozaron das actuacións en Vilasantar, Castrelo de Miño, Laxe, San Sadurniño, Boiro, Pontedeume, Pontevedra, Ourense, Moeche e A Pobra do Caramiñal.
Aínda que a actividade se adaptou ao público proposto por cada concello, a iniciativa ía nun principio dirixida ás persoas adultas, que adoitan ter menos acceso aos espectáculos de contacontos e á educación en valores. Deste xeito, na maioría dos concellos se representaron os 'Contos coas mans abertas', dentro do Plan de Sensibilización do Fondo Galego, que conta co apoio da Xunta de Galicia.
'Nicaragua', 'As mulleres de Torneiros' e 'O primeiro galego bosquimano da historia' son os títulos das historias levadas a escena, cunha narración áxil, música en directo e boas doses de humor. O obxectivo é sensibilizar sobre a solidariedade, o traballo colaborativo, o empoderamento das mulleres, etc.