O Concello do Rosal recibiu esta mañá a dúas persoas referentes do comercio xusto en El Salvador, que se mantiveron un encontro cun grupo de representantes políticos e persoal técnico municipal, encabezado pola alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A actividade estaba organizada polo Fondo Galego de Cooperacion e Solidariedade, rede da que o municipio forma parte activa, e por Solidariedade Internacional de Galicia, ONGD que promove proxectos para impulsar un desenvolvemento integral en Centroamérica.
Claudia Jiménez, representante da Coordinadora Latinoamericana y del Caribe de Pequeños Productores de Comercio Justo (CLAC), e Nery Sánchez, presidente da Cooperativa San Carlos Dos (El Salvador), puxeron de relevo o impacto do comercio xusto sobre os territorios onde se produce o café e como o consumo responsable ou a compra pública ética no ámbito local poden contribuír a xerar transformación social a gran escala. Neste senso, a alcaldesa destacou a importancia de “escoitar de primeira man ás persoas que están detrás destes proxectos, porque nos axuda a comprender que as decisións que tomamos tamén desde un concello pequeno poden ter impacto a miles de quilómetros”. A rexedora subliñou que “o comercio xusto é unha ferramenta poderosa para construír relacións económicas máis equilibradas e humanas, e desde as administracións locais debemos asumir tamén esa responsabilidade”.
“Quen consume ten o poder”, afirmou Claudia Jiménez, apelando a optar por produtos coa etiqueta Fairtrade porque “garante non só unha sustentabilidade ambiental e económica, senón tamén social: garante a sustentabilidade da vida”, xa que permite ás cooperativas cobrar un prezo mínimo á marxe dos mercados globais e reinvestir as primas en proxectos comunitarios de educación, saúde, vivenda, etc. Para “amosar o esforzo que hai detrás dunha taza de café ou dunha tableta de chocolate de comercio xusto”, o produtor Nery Sánchez explicou o proceso que aprendeu da súa familia e que “xera un beneficio non só no territorio, senón tamén para quen consume, posto que a calidade está garantida”.
Comercio xusto
O comercio xusto é un movemento social e unha alternativa comercial que permite loitar contra a pobreza e a exclusión. A transparencia, o prezo xusto ou a igualdade salarial cítanse entre os seus principios básicos, entre os que tamén se atopan a non discriminación e o rexeitamento do traballo infantil. A defensa de condicións de traballo dignas e do respecto polo medio ambiente figuran asemade entre as súas liñas transversais.
Do mesmo xeito, a Axenda 2030 fixada por Nacións Unidas recolle entre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible a necesidade de “garantir modalidades de consumo e produción sustentables” e chama en concreto a “promover prácticas de adquisición pública que sexan sostibles” (ODS 12).