Recepción institucional no Concello de Tomiño ao persoal municipal que cooperou en Guinea-Bissau

Recepción institucional no Concello de Tomiño ao persoal municipal que cooperou en Guinea-Bissau

Recepción institucional no Concello de Tomiño ao persoal municipal que cooperou en Guinea-Bissau 2000 1500 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Concello de Tomiño ofreceu esta mañá unha recepción institucional ao persoal municipal que prestou asistencia técnica en Guinea-Bissau a través do programa Especialistas en Cooperar, impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A rexedora tomiñesa, Sandra González, e o alcalde de Nigrán, Juan González, que tamén preside o Fondo Galego, puxeron en valor a colaboración que un técnico de Tomiño e unha técnica lucense ofreceron na Rexión de Cacheu, co fin de apoiar o proceso de descentralización administrativa a través da mellora na recadación de impostos e taxas locais.

Xoán Amós, axente de desenvolvemento local no Concello de Tomiño, e Teresa Vila, técnica de fondos europeos do Concello de Lugo, presentaron a súa experiencia de cooperación técnica no país africano, onde pasaron preto dun mes intercambiando coñecementos en materia de finanzas municipais para elaborar unha primeira diagnose das eivas que presenta o sistema de cobranza. Esta análise será o punto de partida para un programa a catro anos financiado pola Agencia Española de Cooperación Internacional al Desarrollo (AECID), a través da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad.

O país lusófono non conta polo de agora con municipios formalmente constituídos, senón que as rexións se estruturan en sectores administrativos que precisan fotalecer a súa capacidade de xestión, para promover así unha gobernanza democrática e transparente. Neste senso, os especialistas galegos reuníronse con persoal tanto do Goberno Rexional como de distintos sectores e institucións, propoñendo de maneira conxunta ferramentas para mellorar os ingresos e que estes redunden, á súa vez, no benestar da poboación a través das políticas e os servizos públicos. Ao tempo, aproveitaron para supervisar os proxectos impulsados polo Fondo Galego en materia de abastecemento de auga, saúde e educación.

Tras o acto institucional, que tamén contou coa presenza de diversos edís tomiñeses, o traballador e a traballadora municipais participaron na xornada de avaliación de Especialistas en Cooperar, onde se tiraron aprendizaxes para a cuarta edición do programa, na que animaron a participar, e para seguir apoiando a Rexión de Cacheu.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información