O Concello de Brión ofreceu esta mañá unha recepción institucional ás dúas técnicas municipais que durante o mes de agosto prestaron asistencia técnica en Cabo Verde a través do programa Especialistas en Cooperar, impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. O rexedor brionés, Pablo Lago, e o alcalde de Nigrán, Juan González, que tamén preside o Fondo Galego, puxeron en valor a colaboración que persoal de ambos os dous concellos prestou no municipio de Tarrafal, co fin de promover un desenvolvemento económico local sustentable e participativo.
A axente de emprego e desenvolvemento local de Brión, Lola Landeira, e a xefa de brigada de incendios nigranesa, Carla Pérez, presentaron a súa experiencia de cooperación técnica no país africano, que lles permitiu identificar as necesidades e potencialidades da zona en contacto directo coa poboación local. Esta diagnose será o punto de partida para un programa a catro anos financiado pola Agencia Española de Cooperación Internacional al Desarrollo (AECID), a través da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad.
“Para coñecer o territorio percorremos centos de quilómetros, tanto en coche como a pé, e entrevistámonos con máis de sesenta persoas, desde representantes políticos e dirixentes de organizacións ata a propia veciñanza, que é a que mellor coñece as necesidades e como se debería mellorar a xestión no sector agrícola e medioambiental, tendo en conta o enfoque de xénero”, explicou Lola Landeira. Tamén Carla Pérez destacou “esa parte social, na que a poboación mostra empatía polos problemas compartidos, algúns tan básicos como a escaseza de auga, que nalgúns casos se poden solucionar con pequenas actuacións que mesmo contribuirían a fixar a poboación”, accións que o Fondo Galego xa está a estudar.
Tras o acto institucional, que tamén contou coa presenza da concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Rosa Romero, as dúas traballadoras municipais participaron na xornada de avaliación de Especialistas en Cooperar, onde se tiraron aprendizaxes para a cuarta edición do programa, na que animaron a participar, e para seguir apoiando a Tarrafal.