Quince ONGD galegas ou con sede en Galicia concorreron á convocatoria de proxectos de cooperación ao desenvolvemento aberta polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade neste ano 2013, seis máis ca no exercicio anterior. O prazo de entrega das propostas pechouse o 30 de agosto pasado cun total de 17 proxectos recibidos. A Asemblea Xeral resolverá na primeira quincena de novembro que actuacións se cofinancian.
As ONGD que optan a recibir subvención son: Fundación Internacional de Solidaridad Compañía de María, Asociación para a Cooperación con cabo Verde, Fundación Madreselva, Entidade Colaboradora de Adopción Internacional, Implicadas no Desenvolvemento, Manos Unidas, Asociación Galega de Reporteiros Solidarios, Taller de Solidaridad, Arquitectos sin Fronteras, Enxeñería sen Fronteiras, Médicos del Mundo, Asemblea de Cooperación pola Paz, Addis Galicia, Amigos da Terra e Ecos do Sur.
Os proxectos concéntranse nun total de dez países: Nicaragua (4), Perú (3), Honduras (2), Etiopía (2), Cuba (1), Cabo Verde (1), El Salvador (1), India (1), Mozambique (1) e Guatemala (1). Os catro países prioritarios para o Fondo Galego están representados, especialmente Nicaragua e Perú. Os eidos de actuación nos que se enmarcan as propostas son a sanidade, o medio ambiente, o fortalecemento da sociedade civil, o abastecemento de auga e saneamento, a educación, a soberanía alimentaria e a protección do patrimonio histórico. Os máis destacados son os catro primeiros, con tres proxectos enmarcados en cada un, seguidos de preto polo sector da educación, con dous proxectos.