O mundo da escena apoiará mañá o 15º aniversario do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade asistindo ao evento que se celebrará en Santiago de Compostela. Mela Casal, Ernesto Chao, Camila Bossa, Isi, Dorotea Bárcena, Josito Porto, Iolanda Muiños ou Rosa Alvárez confirmaron xa a súa presenza no acto conducido por Mariana Carballal, directora da serie 'Escoba!' da TVG. Actrices e actores súmanse ao persoal técnico e político das Deputacións e Concellos socios, destacados representantes locais e autonómicos dos partidos, ongd, sindicatos e asociacións que acudirán á conmemoración de tres lustros de compromiso municipalista cos Dereitos Humanos.
A celebración, con entrada libre e de balde, conta co apoio da Xunta de Galicia, a través de Cooperación Galega. A gala dará comezo ás 12.30 horas no edificio Cersia, situado en San Lázaro, onde desde as 9 da mañá terán lugar as VII Xornadas de Cooperación: 15 anos comprometéndonos coa solidariedade. Expertas e expertos de Galicia e internacionais compartirán mesa para analizar a cooperación municipalista no mundo e a situación do sistema galego de cooperación diante da crise.
Tras un café de comercio xusto, iniciarase o acto de conmemoración, no que se entregarán os premios do concurso fotográfico ‘Imaxes con Fondo’ e se presentará o documental sobre o Fondo Galego de Cooperación realizado por voluntariado da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso). A compañía A Tropa de Trapo compartirá con todos os presentes o seu espectáculo de contacontos e haberá tamén unha homenaxe sorpresa.
O evento de mañá pon fin á campaña 'Somos unha rede de institucións e persoas' impulsada nas últimas semanas para defender que os Dereitos Humanos non son unha idea lixo. A campaña incluíu diversos vídeos, protagonizados por participantes no programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo, que poden compartirse desde a páxina do Fondo Galego en Facebook e mais un 'gag' elaborado co apoio da CRTVG.