A oitava edición de Vacacións con Traballo presentouse oficialmente esta mañá en Vigo nunha rolda de prensa encabezada polo alcalde da cidade, Abel Caballero. No acto tamén participou a concelleira de Política de Benestar e vicepresidenta do Fondo Galego, Isaura Abelairas, e mais o secretario da entidade, Daniel González Palau. O programa de voluntariado internacional dirixido ao persoal das Deputacións e Concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade oferta este ano senllas prazas para cooperar en Cabo Verde e Nicaragua.
Abel Caballero explicou que se trata dun "programa de sensibilización dirixido ao persoal das administracións públicas que formamos parte do Fondo Galego, para que invistan unha parte das súas vacacións apoiando proxectos de solidariedade internacional en lugares nos que hai presenza estratéxica da entidade e que o necesitan de forma perentoria, onde nós desde Vigo e desde o Fondo Galego queremos seguir traballando nesta opción de progrsismo solidario".
Pola súa banda, Daniel González Palau explicou que "este ano temos dúas prazas menos, produto da inercia dos tempos, nos que se entende que a cooperación internacional debe ser reducida, aínda que institucións coma a Unión Europea ou a OCDE non pensan isto, senón que fan fincapé no papel que xogan as autoridades locais nos procesos de desenvolvemento humano no Sur".
Nesta ocasión disponse dunha praza para apoiar o Instituto de Promoción Humana-Somoto en Nicaragua na área de turismo, e outra para colaborar en Cabo Verde coa Cámara Municipal de Porto Novo, en materia de igualdade. O prazo para a presentación de solicitudes remata o 14 de xuño.
Convocatoria VcT 2013
Caderno de experiencias VcT 2012
Vídeos VcT