Empregadas dos concellos de Rianxo e Cabana de Bergantiños viaxaron no último mes a Mozambique para cooperar cos parceiros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade a través das Vacacións con Traballo, o programa de voluntariado internacional dirixido aos cadros das administracións locais e provinciais socias da entidade. As dúas técnicas municipais regresan a finais de semana da súa estadía, na que achegaron un asesoramento profesional e se mergullaron na realidade do país africano.
Magui Docanto, traballadora social do Concello de Cabana, leva xa tres semanas colaborando coa Fundação Encontro, que na súa Área de Acción Social traballa nos eidos da educación e a saúde con tres grupos prioritarios: menores orfos e vulnerables, enfermos crónicos e persoas maiores desamparadas. A voluntaria está a percorrer as comunidades canda o equipo da ONGD, que solicitou asesoramento sobre todo para monitorizar e avaliar o labor que se realiza. Magui Docanto tamén bota unha man no lugar onde se aloxa, a Casa do Gaiato, centro que acolle a máis de 150 nenos. Ademais, está a participar nas primeiras actividades do proxecto de cooperación que actualmente apoia o Fondo Galego nos distritos de Boane e Namaacha, apostando polo deporte para previr doenzas e adiccións na mocidade.
Uxía Cespón, educadora social do Concello de Rianxo, atópase desde principios de mes no Concello de Mandlakazi, onde está a achegar os seus coñecementos nomeadamente en materia de igualdade, man a man coa concelleira de Asuntos Sociais. A técnica municipal dinamizou actividades de sensibilización sobre violencia de xénero con varios grupos de mulleres e tamén traballou con mocidade, detectando un alto nivel de implicación. Tamén tivo a oportunidade de visitar distintas asociacións, centros comunitarios para maiores, etc. Nos próximos días, desprazarase á capital para cooperar coa Asociación Nacional de Municipios de Mozambique, coa que o Fondo Galego ten abertas vías de colaboración.
Alén de achegar unha cooperación técnica nas especialidades que se demandan desde os países empobrecidos, outro dos obxectivos das Vacacións con Traballo é concienciar fronte as desigualdades e a prol da solidariedade internacional. Para isto, as participantes comparten a súa experiencia a través do blog https://vacacionscontraballo.wordpress.com e á volta toman parte en diferentes actividades de difusión. Máis de corenta técnicas e técnicos municipais e provinciais viaxaron a países do Sur nas doce edicións do programa, que este ano terá unha dimensión de ida e volta, xa que no mes de outubro técnicas municipais de Mozambique e Cabo Verde se formarán en distintas administracións locais galegas.