Persoal municipal cooperará en Mozambique e Cabo Verde a través das Vacacións con Traballo

Persoal municipal cooperará en Mozambique e Cabo Verde a través das Vacacións con Traballo

Persoal municipal cooperará en Mozambique e Cabo Verde a través das Vacacións con Traballo 2560 1575 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Catro empregadas e empregados das deputacións e concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade pasarán un mes colaborando cos parceiros da entidade en Mozambique e Cabo Verde a través das Vacacións con Traballo. O alcalde de Allariz, Francisco García, presentou esta mañá a nova edición do programa de voluntariado internacional canda a súa responsable técnica e mais unha traballadora municipal que xa participou da iniciativa colaborando en Nicaragua.

"Á parte de ser unha experiencia profesional importante, traémonos unha lección de vida que creo que ningún dos que estivemos alí imos esquecer", comentou Estela Iglesias ao lembrar a súa estadía co Instituto de Promoción Humana-Somoto. A técnica alaricana quixo "animar a todos os compañeiros de concellos e deputacións que teñan curiosidade a que se decidan a participar, porque é unha experiencia que queda para o resto da vida". O alcalde, pola súa banda, lembrou que o Concello de Allariz forma parte do Fondo Galego de Cooperación desde os seus inicios e valorou positivamente o programa.

Desde a Secretaría Técnica do Fondo Galego, Carmen Novas explicou que as e os participantes nas Vacacións con Traballo achegan asesoramento técnico nos países empobrecidos e intercambian coñecementos, ao tempo que supervisan os proxectos de cooperación internacional e facilitan a colaboración entre o poder local galego e o do país de destino. Ademais, enchóupanse doutras realidades e contribúen a concienciar sobre elas.

Ata o 30 de abril permanece aberto o prazo para presentar candidaturas á undécima edición das Vacacións con Traballo, que buscan catro perfís diferentes. A Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos require un de técnica/o de Turismo e outro de técnica/o de Desenvolvemento local, que contribuirán a impulsar o turismo comunitario. En Mozambique, a Fundação Encontro, que atende a menores vulnerables, precisa dun/ha traballador/a social, mentres que a Rede de Mulleres Autarcas oferta unha praza de técnica/o en Igualdade para fomentar a implicación feminina na política, entre outras tarefas organizando un workshop para compartir experiencias con concelleiras e alcaldesas galegas.

As candidaturas presentaranse enviando a ficha de solicitude ao enderezo electrónico comunicacion@fondogalego.org, canda o currículo, unha carta de motivación, e mais un escrito de apoio ou consentimento asinado pola/o representante política/o do Fondo Galego no correspondente concello ou deputación. Alén da formación e a experiencia, valorarase a vinculación co eido da cooperación e mais o dominio do galego e do portugués.

O programa cubre os gastos de desprazamento, aloxamento e manutención da viaxe, na que as persoas seleccionadas investirán o seu mes de descanso. Co fin de visibilizar a realidade do Sur e sensibilizar fronte as desigualdades, o voluntariado publica un blog e á volta tamén se edita un caderno dixital. Un total de 36 empregadas e empregados da administración local participaron desde o ano 2006 nas Vacacións con Traballo.

Bases da convocatoria
Ficha de solicitude
Folleto VcT 2016
Cartaz VcT 2016
 

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información